O candidato á Alcaldía polo PP de Santiago, Borja Verea, reuniuse coa veciñanza do barrio compostelá de Pontepedriña, onde se afirmou que esixirá o retranqueo do muro da rúa Vedra que tanto reclaman os veciños. Para Verea, a solución dada polo Concello tras semanas coa rúa cortada non é suficiente. “Non se trata de fixar unhas pedras con cemento e tirar para adiante, hai que plantexar unha solución definitiva a este problema e deixar a política dos parches atrás, os composteláns merecemos un goberno que non nos tome o pelo”, sinalou.
Esta xuntanza inclúese dentro dos Encontros directos que Borja Verea está mantendo cos cidadáns polos diferentes barrios e parroquias da cidade, ao que hai que sumar as xuntanzas coas entidades veciñais, sociais, culturais e deportivas que o candidato Popular iniciou hai xa máis de dous anos.
Durante a reunión, o candidato á Alcaldía insistiu en levar a cabo un estudo serio do tráfico na zona xa que hoxe en día existen rúas, como a Brión, nas que é imposible manobrar con coherencia. Así o que pretende é evitar rodeos innecesarios que complican o tránsito diario dos vehículos dos alí residentes.
Verea calificou de “imprescindible” unha humanización do Restollal pero sen esquecer que “estamos a falar dunhas das principais vías de entrada á cidade e non podemos de súpeto eliminar o tráfico desta zona”. Así, para o candidato popular é necesario soterrar a rotonda e mellorar o acceso peonil, co que se facilitaría a vida dos veciños de Pontepedriña.
Ademais lamentou que o goberno socialista “continúe coa súa táctica de presentar os mesmos proxectos que hai 4 anos, como o que lles intentou vender aos veciños do Restollal e que non convenceu a ninguén, ou como a piscina de Santa Marta, da que durante esta lexislatura nada de soubo pero que agora en plena campaña volve sacar da chisteira”. “Estamos ante unha candidatura, a do partido socialista, á que, tras catro anos en branco, xa ninguén cre”, destacou Verea.
O tamén deputado autonómico explicou que procederá tamén ao arranxo das beirarrúas, xa que moitas ou están a distintas alturas, o que dificulta o tránsito de peóns ou mesmo de persoas con mobilidade reducida ou carros de crianzas, ou ben atópanse intransitables por lousas rotas ou levantadas.
O candidato popular á Alcaldía salientou tamén que seguirán traballando “porque chegou o momento do cambio, a xente está decepcionada coas mesmas políticas de hai 30 anos, Santiago merece máis”. E insistiu en que “fronte ao Santiago da parálise e o atraso do Partido Socialista, propoñemos un Santiago con ganas de crecer; ao Santiago triste e antigo dos actuais dirixentes, propoñemos un Santiago en marcha e con ambición”.