O candidato á Alcaldía polo Partido Popular de Santiago, Borja Verea, asegurou hoxe que se os veciños lle dan a súa confianza o vindeiro domingo 28 de maio, iniciará os trámites necesarios para cubrir varios parques infantís da cidade comezando polo da Praza da Constitución, moi necesarios, debido, sobre todo, á climatoloxía da capital de Galicia, cun importante número de días de chuvia e vento ao ano que impiden o uso e desfrute destes espazos.
Na actualidade, explica Borja Verea, en Santiago existen 87 parques infantís, pero case todos eles carecen de zonas que se poidan empregar nos días de chuvia, polo que considera imprescindible que se leve a cabo un Plan para cubrir estas áreas, co fin de que sexa posible desfrutar deles todo o ano, independentemente do tempo climatolóxico que se produza. “Estamos a falar de infraestructuras xa instaladas en moitos concellos de Galicia e aquí nin un só, e que supoñen unha mellora significativa no ocio dos máis cativos, e non de obras imposibles de levar a cabo como todo o que se lle plantexa ao actual goberno”.
Para o candidato á Alcaldía é necesaria unha especial atención á infancia, con espazos chamativos para as crianzas, xa que non podemos esperar que Santiago sexa un polo atractivo para as familias cando non existen lugares ou elementos para eles. Así lamentou que durante estes anos non se levasen a cabo accións que amosasen preocupación polos rapaces e as súas familias por parte dos últimos gobernos.
Nese senso, Verea destacou ademais a urxencia de renovar gran parte dos parques existentes na capital de Galicia, porque son moitos os que se atopan en malas condicións, con elementos deteriorados ou escasos, ademais de moitos outros totalmente inutilizables. O candidato á Alcaldía fixo fincapé tamén na falta de instalacións en barrios onde aumentou o número de cativos como en Santa Marta, “unha zona onde o número de familias medrou exponencialmente e sen embargo os espazos de lecer para os máis pequenos brilan pola súa ausencia, polo que é necesario revisar non só os parques que xa existen senón habilitar novos espazos”.
Para elo, habería que levar a cabo un programa de modernización e posta a punto da totalidade dos parques infantís municipais, co fin de mellorar as súas condicións e garantir o cumprimento das medidas de hixiene, seguridade, accesibilidade e inclusión deste tipo de instalacións.
Borja Verea sinalou tamén a importancia de instalar zonas infantís móbiles en espazos do Casco Histórico, onde non hai nin un só parque. “Se queremos que os santiagueses recuperen o protagonismo na zona vella, temos que apostar por unha cidade máis humana, máis amable e sobre todo máis familiar, e para iso debemos dotar Santiago deste tipo de equipamentos”. Así, engadiu que “cidade histórica ten que volver encherse de familias compostelás, e debemos empezar por atraer aos máis pequenos”. Ademais afirmou que “nunca seremos unha cidade atractiva para as familias se desde o Goberno municipal non se fan políticas neste senso, temos que deixar atrás as políticas antigas e obsoletas dos actuais dirixentes municipais e poñer en marcha medidas que volvan traer a esas familias que fuxiron da cidade”.