Borja Verea, candidato á Alcaldía de Santiago polo Partido Popular, afirmou que entre as liñas estratéxicas do seu futuro goberno está “a posta en marcha de políticas modernas que permitan aumentar a oferta de vivendas a prezo asequible, para que ningún compostelán teña que volver marchar a vivir fóra de Santiago”.
Unha das medidas prioritarias a levar a cabo a partir de xuño será “a mobilización de vivenda baleira, incentivando aos propietarios a sacalas ao mercado garantindo a súa renda”. Neste caso o concello pagaría unha mensualidade desde o minuto un e a partir de aí pasaría a xestionar o alugueiro desas vivendas poñéndoas a disposicións dos mozos, das familias, persoas sen recursos, e xente maior a uns prezos asequibles”, salientou o candidato á Alcaldía de Santiago. Así estariamos a falar dun programa solvente de aluguer de vivendas sociais que facilitaría o acceso á moitos composteláns.
No caso dos estudantes porase e marcha un bono específico para que ningún mozo que elixa a nosa Universidade teña que vivir noutro sitio que non sexa Compostela. Este farase extensible aos recén licenciados, para permitir que poidan fixar o seu lugar de residencia e seguir formándose ou ter a súa primeira oportunidade de traballo en Santiago.
O deputado compostelán fixo fincapé en que “será unha prioridade a rehabilitación pública no Casco Histórico para volver a poñer no mercado vivenda asequible e de calidade e que volvan os veciños” engandindo que “quedou demostrado que prohibir sen propoñer non serve, despois de anos de prohibicións, de espantar investimentos turísticos, o resultado é que o 25% dos veciños marcharon das suas casas, nin veciños nin desenvolvemento”. Así Verea aposta polo regulamento das VUTS en función de zonas saturadas e non por prohibicións. “Na zona vella temos que adoptar medidas valentes e pioneiras que suporán poñer o patrimonio a disposición das familias e non ao revés”, salientou. E concretou que “permitiremos que os inmobles máis grandes do Casco Histórico poidan segregarse en apartamento máis pequenos, acordes coas necesidades actuais, se non adaptamos as casas á maneira de vivir de 2023 vainos quedar un deserto ”.
Verea lamentou ademais que Santiago desde os 90 abandonase calquera estratexia de desenvolvemento urbanística e “hoxe estanse a vivir as consecuencias” e destacou que hai bolsas de solo en Compostela que seguen pendentes de desenvolverse e que necesitan un novo pulo, hai que deseñar xa a Compostela do futuro reactivando novas áreas de crecemento, tanto residencial como industrial” poñendo como exemplo o denominado Ensanche Norte que podería desenvolver milleiros de vivendas a prezos asequible, e concluindo que “se outras cidade o están facendo, edificando novas vivendas protexidas e rehabilitando o seu casco histórico, ¿por qué Santiago non?”.
Outra medida para aumentar o parque de inmobles na cidade será a de permitir vivendas en baixos comerciais, que pasa pola modificación da regulación urbanística na área afectada pola ordenanza 7. Así “iniciaremos esta transformación no barrio de Conxo pola gran acumulación de baixos abandonados e a obxectiva degradación xeralizada”, salientou o presidente dos populares, para “posteriormente, coa experiencia da súa aplicación práctica, extendela a outros barrios que se atopen en situación similar” apuntou Verea, que a definiu como “unha proposta solvente e transformadora”.
Na mesma liña apuntou que “estamos ante un momento decisivo, onde a falla de impulso político segue expulsando aos veciños que non atopan vivenda e aos comerciantes que teñen que pechar os seus negocios”, salientando que “no primeiro ano de mandato poñeremos en marcha unha batería de medidas para fixar poboación e protexer o noso comercio”.
Verea proclamou que se consigue esa gran maioría para gobernar “substituiremos as politicas de prohibición por políticas de liberdade, con medidas innovadores que poñan a Compostela en marcha e coas que recuperemos a autoestima”. Así “fronte á politica cansada, triste e sen ganas propoñemos máis futuro, máis enerxía e máis alegría, cun proxecto integral de cidade que terá como obxectivo superar os 100.000 habitantes antes de 2027”.