O Partido Popular destaca que a demolición da Casa da Xuventude e á apertura do parque de Belvís á cidade só será posible se, o vindeiro 28 de maio, o candidato á Alcaldía de Santiago polo PP, Borja Verea, consigue a confianza dos santiagueses, polo que ese domingo haberá un referendum sobre a Casa da Xuventude e “só votar ao PP implicará a demolición desta infraestrutura”. O candidato popular tacha de “indecencia” o feito de que, a 40 días das eleccións municipais, se poda debater e aprobar no Pleno provincial a cesión, por 25 anos, á Deputación da Coruña dun inmoble municipal, propiedade dos composteláns, co apoio de só 9 concelleiros dos 25 que forman a corporación santiaguesa.

Cando estamos a días de rematar este mandato sen que o Goberno socialista teña feito cousa algunha coa Casa da Xuventude, os veciños da capital de Galicia teñen que “seguir soportando ocorrencias dun Goberno esgotado e sen ideas”, polo que Verea reiterou o seu compromiso de anular a cesión á Deputación da Casa da Xuventude que os socialistas e o BNG perpetraron, esta mesma mañá, no Pleno da Deputación.

“Levamos catro anos sufrindo decisións unilaterais dunha corporación que non termina de asumir que goberna en minoría e que utiliza o Concello a modo de cortixo”, polo que o candidato popular insistiu en que “os composteláns teñen unha oportunidade única o 28 de maio para decidir se apostan polo meu proxecto de derrubar a Casa da Xuventude,  xa neste mesmo ano 2023, e humanizar a Praza do Matadoiro abríndoa a Belvís, ou se pola contra prefiren a proposta do resto das forzas políticas de mantela”.

O candidato Popular á Alcaldía insistiu en que “o tempo tamén quita caretas, e todos os que defenderon este edificio quedaron sen argumentos, xa que anos despois está nun estado insalubre, deteriorado e degradado,  sendo hoxe máis custoso arranxalo que derribalo”.

O tamén deputado autonómica calificou de “oportunidade o derrubo deste “mamotreto” para poñer en valor os restos patrimoniais da praza e para actualizar o concepto de espazos pechados ás necesidades do século XXI. “O noso proxecto de cidade pasa por unha Compostela máis amable, máis familiar e máis humana, e as necesidades da xente non son as mesmas hoxe que hai trinta ou cincuenta anos”, sinalou. 

Neste senso, explicou que a Praza do Matadoiro converterase nun “novo espazo comunitario, verde e dinámico, un punto de encontro social e exemplo dunha cidade moderna e alegre”. Borja Verea lembra que “as políticas do partido socialista de Bugallo son as do retroceso e o pasado, imos a poñer en marcha un Santiago con ganas de crecer; fronte a uns dirixentes tristes e cansados nós queremos un Santiago con novas enerxías e máis forza”.