O candidato á Alcaldía de Santiago polo Partido Popular, Borja Verea, asegurou que os maiores de 60 anos poderán aparcar na zona azul totalmente gratis, mantendo a rotación como o resto de usuarios. Verea presentou estas iniciativas nunha xuntanza con maiores celebrada onte e na que estivo acompañado polo director xeral de Maiores da Xunta, Antón Acevedo, dentro do ciclo de conversas #SoñarSantiago e na que tamén participaron entidades sociais como residencias, centros día e distintas asociacións relacionadas co eido dos maiores e persoas con mobilidade reducida.

O popular asegurou que Santiago soporta diariamente un grave problema de tráfico que, en catro anos, o Goberno socialista amosouse incapaz de arranxar. Así, co fin de darlle unha solución a este problemática, está a plantexar distintas medidas, entre as que se atopa tamén a de por en marcha a reserva de zonas de aparcamento en distintos puntos da cidade preto de áreas sensibles e moi empregadas pola xente maior como: farmacias, bancos, centros de saúde, e, sobre todo, oficinas do Concello. Na mesma liña anunciou a gratuidade ilimitada do transporte público para os maiores de 60 sen limitacións.

Durante a súa intervención, Borja Verea insistiu en que un dos seus obxectivo, no caso de que a veciñanza santiaguesa lle dea a súa confianza o vindeiro 28 de maio, será “achegar a Administración ás persoas, volvendo, para quen o desexe, á relación entre o funcionariado municipal e os veciños, co fin de recuperar a humanidade da Administración local”, algo que considera imprescindible, sobre todo, “cando estamos a falar de xente que non sabe manexarse coas novas tecnoloxías ou coas persoas maiores, que non teñen esa habilidade”.

Asegurou que a capital de Galicia ten un gran porcentaxe de habitantes que xa superaron os 60 anos, “o que supón un importante valor cualitativo que non se pode deixar a un lado, co que é necesario aproveitar esta riqueza humana en beneficio da cidade”. Así mesmo, reiterou que a familia será “o pilar básico sobre o que pivotarán todas as áreas do Concello, é dicir, calquera intervención que se faga en Santiago terá que ver en que beneficia ás familias”.

Entre as iniciativas presentadas por Borja Verea, tamén incidiu en establecer medidas para que xente nova e maiores compartan espazos públicos, tanto no eido da vivenda como en calquera tipo de actividades, Así mesmo, remarcou que construirá espazos polivalentes, novas residencias para maiores e centros de día, sobre todo, en zonas da cidade que sofren agora unha clara deficiencia neste tipo de instalacións, como é o Casco Histórico ou o Ensanche; neste último, ubicado na parcela do antigo Peleteiro.

O Popular tamén explicou que, entre outras propostas que aínda está ultimando, porá en marcha bonificacións en actividades sociais; manterá o servizo autobús gratuíto; creará bonos en comercio e hostalería; e establecerá o servizo de Santiago Viaxeiro, que permitirá ás persoas maiores trasladarse a outros lugares e facer roteiros, entre outras actividades.

Para ter acceso a estas bonificacións ou beneficios para os maiores de 60 anos, Verea anunciou a creación dunha nova tarxeta, a Tarxeta Senior, que acollerá baixo o seu paraugas as medidas destinadas aos maiores.

Ademais destacou que buscará á fórmula de que os maiores que viven no rural poidan verse atendidos mediante a teleasitencia, co fin de que, tanto eles como as súas familias, poidan vivir máis tranquilos.

Pola súa banda, o director xeral de Maiores da Xunta, Antón Acevedo, destacou o importante traballo que están a facer os traballadores socio-sanitarios nos últimos tempos e subliñou que todas as políticas, tanto municipais como autonómicas, deben estar enfocadas en mellorar a calidade de vida das persas maiores, porque a realidade é que “cada vez se vive mais tempo, sobre todo, nun lugar como e Galicia, onde o 25 por cento da poboación supera xa os 65 anos”.

Así, concretou “hai que traballar para que autonomía das persoas sexa cada vez maior e ata máis tarde, conseguir un envellecemento activo e saudable e iso só se logra con políticas que faciliten a vida dos nosos maiores”.