Borja Verea, candidato á Alcaldía de Santiago, mantivo estes días un encontro cos representantes do Foro Cívico, onde lles plantexou algunha das súas principais propostas para arranxar os problemas máis serios que está a sufrir a capital de Galicia e que lle están impedindo avanzar. Para o popular, un dos maiores obstáculos aos que se está a enfrontar Santiago é o da falta de vivenda e o elevado prezo da que existe, por elo unha das súas primeiras iniciativas van encamiñadas á posta en marcha de políticas modernas que permitan aumentar a oferta a prezo asumible, para que “ningún compostelán teña que volver marchar a vivir fóra de Santiago”.
O parlamentario asegurou que os santiagueses están a soportar un Goberno que nin sequera ten coñecemento do que está a pasar na cidade, xa que mentres todos os axentes do eido da vivenda advirten que en Santiago se están alcanzando prezos desorbitados, o candidato socialista atreveuse a dicir, no debate organizado pola USC e que enfrontou aos catro candidatos, que o aluguer de vivenda na capital de Galicia está baixando, o que demostra que vive nun mundo paralelo á realidade.
Durante a reunión, o candidato popular subliñou que unha das súas medidas prioritarias será a mobilización de inmobles baleiros co Bono Vivenda, programa solvente de aluguer, incentivando aos propietarios a sacalas ao mercado garantindo a súa renda. Así, sería o Concello o que pagaría as mensualidades desde principio e, a partir de aí, pasaría a xestionar o alugueiro deses inmobles, poñéndoos a disposicións dos mozos, das familias, persoas sen recursos e xente maior, a un prezo asequible.
Indicou que no caso do Casco Histórico procederá a eliminar a estrita burocracia e algunhas das incomprensibles normas que rexen nesta importante zona da cidade e que “están a expulsar aos seus habitantes desde hai anos”, polo que traballará para “facer máis accesible a vivenda nesta zona, facilitando a rehabilitación dos inmobles existentes, co fin de que se poida vivir neles cos estándares de calidade do século XXI”.
Tamén será unha prioridade a rehabilitación pública nesta zona de Santiago, co fin de volver a poñer no mercado vivenda a prezos razoables e de calidade e permitirase que os inmobles máis grandes do Casco Histórico poidan segregarse en apartamentos máis pequenos, acordes coas necesidades actuais.
O parlamentario popular destacou ademais que en Compostela existen bolsas de solo que seguen pendentes de desenvolverse e que necesitan un novo pulo, polo que insistiu en que hai que deseñar xa o Santiago do futuro reactivando esas áreas de crecemento, para construír máis vivendas. Para iso, salientou Verea, “é necesario chegar a un gran pacto de cidade que permita sumar ao parque residencial novos pisos en todas esas áreas xa programadas”.
Así mesmo, permitiranse vivendas en baixos comerciais, inciando esta transformación no barrio de Conxo, pola gran acumulación de baixos abandonados, arredor de 200, e a obxectiva degradación xeralizada.
Borja Verea afirmou que “con este Bono Vivenda, permitindo que os baixos sexán habitables, facilitando as obras e rehabilitación no Casco Histórico e desbloqueando a construción de novos pisos, conseguiremos aumentar a oferta e baixar os prezos”.
No eido da economía, o parlamentario remarcou que no seu proxecto está a idea de crear un ámbito favorable que acelere e consolide a implantación de novos emprendedores en Santiago, para o que creará a Oficina SantiagoInviste, que permitirá captar investimentos de fóra e facilitaráo aterraxe na cidade aos inversores interesados en crear emprego e negocio en Santiago.
Verea incidiu tamén en que é prioritario levar a cabo a eliminación de licenzas e trámites innecesarios, que só serven para poñer trabas aos veciños, aos autónomos e ás pequenas empresas, xa que no Concello de Santiago existe un problema endémico que causa un gran malestar, como son os retrasos inxustificables na concesión de licenzas e permisos, o que xera un colapso administrativo e dana o tecido económico, ademais de retrasar e imposibilitar moitos investimentos.
Borja Verea explicoulle tamén aos membros do Foro Cívico que traballará para aproveitar todo o que a Universidade pode aportar, no eido da investigación ou como elemento atractivo para a ubicación de empresas, ou como impulsor da chegada de estudantes a Santiago, posto que a cidade “ten que deixar de vivir dándolle as costas a esta institución, que sempre foi un eixe importante para economía da cidade”.