Borja Verea, candidato á Alcaldía de Santiago polo Partido Popular, mantivo hoxe un encontro con veciños de Carballal, onde se comprometeu a arranxar os viais de acceso aos 5 núcleos que compoñen a parroquia: As Quintás, Piñeiro, Castiñeira pequena, Tarrío e Lamas; e que levan moitos anos sen que se lles preste unha atención mínima. Durante a xuntanza, o popular escoitou as demandas dos residentes da zona e tomou boa nota das melloras que precisan.

Esta reunión encádrase dentro dos Encontros directos cos cidadáns que o parlamentario leva máis de dous anos facendo por barrios e parroquias, ás que hai que engadir tamén as visitas con entidades deportivas, culturais, sociais, entre outras, e que teñen como obxectivo “construír un programa de goberno sólido e solvente”.

Verea aseguroulles tamén que, no caso de que os veciños de Santiago lle dean a súa confianza o vindeiro 28 de maio, programará un Plan de desbroces de pistas forestais e de gabias, co fin de facilitar o tránsito dos residentes e evitar os riscos que se producen cando estes espazos non reciben unha mínima atención, como ten acontecido durante estes últimos anos. Os veciños do rural pagan os seus impostos e merecen ter as súas parroquias nunhas condicións dignas, así unha das primeiras medidas que tomaremos será a de aumentar os medios coa adquisición de máis tractores e a creación dunha Brigada do Rural para mantemento e limpeza”, anunciou.

Tamén deixou claro que, de conseguir a maioría necesaria para gobernar Santiago, iniciará o proceso que logre que esta parroquia do norte de Compostela poida contar con abastecemento municipal de augas, enganchándoa en San Cristovo, pero tamén advertiu de que será un proceso longo.   Ademais sinalou que se levará a cabo o cambio das luminarias, posto que as actuais son deficitarias.

Así mesmo, o popular destacou que axilizará os procesos necesarios para que a veciñanza poida alugar a finca situada na contorna da igrexa e que lles sería moi útil para distintos usos como: zona de aparcamento; campo da festa ou para a instalación dunha pista multideporttiva básica. 

Por outra banda, Borja Verea amosouse sorprendido de que, en catro anos, o Goberno socialista fose incapaz de arranxar cousas sinxelas que reclaman os veciños como o acondicionamento do local social anexo a igrexa, polo que lles asegurou que poden contar con que lles facilite as melloras que piden, como a colocación dun dispositivo de aerotermia e material para usos varios como: mesas, cadeiras, pizarras ou tablóns de anuncios, entre outros.

Verea subliñou que traballará con constancia para ser o vindeiro alcalde de Santiago, “porque chegou o momento do cambio, a xente está decepcionada coas mesmas políticas de hai 30 anos, Santiago merece máis”. E subliñou que “fronte ao Santiago da parálise e o atraso do partido socialista, propoñemos un Santiago con ganas de crecer; ao Santiago triste e antigo dos actuais dirixentes, propoñemos un Santiago en marcha e con ambición”.