Borja Verea, candidato á alcaldía do Partido Popular, comprometeuse coa veciñanza de Conxo a que, se acada a confianza dos veciños de Santiago o vindeiro 28 de maio, traballará para que unha das súas maiores demandas poida ser unha realidade, é dicir, “conseguir que o ambulatorio se traslade ao edificio do Mosteiro (actual psiquiátrico) despois de que este quede restaurado”.
Explicou que, deste xeito, os usuarios poderán desfrutar dunhas instalacións novas, modernas e cómodas, adecuadas á situación real do barrio, posto que o actual ambulatorio quedou completamente obsoleto e dificulta as tarefas dos traballadores e a boa atención dos veciños que alí asisten.
Nesta reunión, que se inclúe nos distintos encontros que está a manter o candidato popular, desde hai máis de dous anos, coa veciñanza de Santiago, subliñou que, nos primeiros 90 días de goberno, iniciará o trámite de modificación da regulación urbanística que afecta a Conxo e Santa Marta para permitir vivendas en baixos comerciais, medida que axudará a aumentar o parque de inmobles na cidade. Así “iniciaremos esta transformación no barrio de Conxo pola gran acumulación de baixos abandonados, arredor de 200, e a obxectiva degradación xeralizada”, salientou o presidente dos populares, para “posteriormente, coa experiencia da súa aplicación práctica, extendela a outros barrios que se atopen en situación similar” apuntou Verea, que a definiu como “unha proposta solvente e transformadora”.
Borja Verea tamén asegurou que buscará unha solución axeitada para eliminar, dunha vez por todas, a división do barrio que provoca a rotonda de Conxo, “acadando unha proposta digna que se afaste das promesas incumpridas por parte dos anteriores dirixentes, que se comprometeron a arranxar esta situación e sen embargo o barrio segue partido en dous”.
Así mesmo, incidiu en que solucionará outras demandas da veciñanza desta histórica zona de Santiago como o establecemento dun aparcamento “express” na zona da gardería, para que as persoas que teñan que deixar alí aos cativos poidan facelo dunha forma segura e sen o medo a ser multados cada día; incrementará as zonas de carga e descarga, moitas veces alonxadas dos comercios aos que teñen que servir e, aínda por enriba, escasas; e aumentará as prazas de aparcamento para as persoas de mobilidade reducida, “uns problemas ‘pequenos’ que teñen unha fácil solución, pero que o candidato socialista non parece ter ganas de arranxar”.
Finalmente, indicou que traballará para adecuar a zona do Monte de Conxo que está pendente de desenvolver e onde existen problemas de salubridade e falta de acondicionamento, e en mellorar os accesos nas inmediacións do campo de fútbol, onde o cruce de dous vehículos resulta case imposible.