Borja Verea, candidato á alcaldía do Partido Popular en Santiago, mantivo unha xuntanza cos veciños de San Lázaro, onde puido explicarlles as súas primeiras propostas para este enclave compostelán. Verea destacou que será neste barrio onde se leve a cabo un dos proxectos máis ambiciosos do seu programa, como é a Cidade do Deporte, que contará con dous campos de fútbol, ximnasio e un edificio multiusos, onde se poderán practicar distintas disciplinas e que estará situado na contorna do actual Estadio Verónica Boquete. 

Este encontro inclúese dentro das diferentes xuntanzas con entidades veciñais, sociais, culturais e deportivasque leva mantendo o candidato popular desde hai xa máis de dous anos.

Borja Verea remarcou ademais que o barrio de San Lázaro incluirase no Plan Integral de Accesibilidade que pensa plantexar para toda a cidade, xa que hai numerosas eivas neste senso, como: beirarrúas a distintos niveis, zonas con pavimento en mal estado, o que supón un grave problema tanto para as persoas maiores e de mobilidade reducida, como para os pais e nais que levan aos nenos nas súas cadeiras; incluso problemas con vehículos que invaden as zonas que son de uso exclusivo para peóns.

Na súa conversa coa veciñanza, ademais, o candidato popular comprometeuse a buscar unha solución á falta de mantemento que sofre o barrio, onde atopamos árbores en abandono que provocan numerosos problemas tanto polo seu crecemento incontrolado, como incidentes coas follas caídas; serios problemas de aparcamento ou co tráfico; e tamén incrementará a seguridade na zona cunha maior presencia policial. 

Finalmente, Borja Verea subliñou que a situación deste barrio, que pode presumir de ser a entrada do Camiño de Santiago de referencia, o Camiño Francés, pero que non recibe beneficio algún desta emblemática, condición demostra “a incapacidade de xestión do Goberno socialista e que fai falta un cambio para que estas cousas non sigan pasando e Santiago se transforme na capital de Galicia que todos merecemos”.