Borja Verea, candidato á alcaldía do Partido Popular en Santiago, asegurou que a capital de Galicia ten que “volver a ser o que era, un epicentro de vangarda”. Así, continuou, “apostaremos por formatos medios e de calidade, integrados no contexto urbano porque é a maneira de que a cidade pase a ser protagonista  desa programación cultural”. Un protagonismo que levaría consigo unha sinerxía no comercio e na hostalería do centro e dos barrios, obxectivo do que falou no transcurso do debate, organizado pola asociación Cultural O Galo, no Centro Sociocultural do Ensanche.

“Por suposto, hai que apostar polos axentes locais como os creadores, os artistas, pero tamén polos programadores”, sinalou Verea, para o que “crearemos un Foro da Cultura Local, onde se  deseñarán, valorarán, analizarán e farán as propostas para, máis tarde, tomar as decisións con toda a información”. Nesta mesma liña, salientou que “tamén se levará a cabo unha calendarización co fin de sacarlle o máximo rendemento aos produtos polos que apostemos; e unha axenda única, non só para os visitantes, senón tamén para os veciños para que, en tempo real, poidan coñecer que se está ofrecendo nesta cidade no ámbito cultural”, concretou.

Para o candidato popular, o principal problema que soporta Santiago é o da vivenda, unha cuestión que leva anos obrigando a moitos veciños a abandonar a súa cidade ante a imposibilidade de acceder, tanto en réxime de aluguer como de compra, a vivendas con prezos asumibles. Nese senso propuxo a creación dun Bono Vivenda co fin de mobilizar os pisos baleiros incentivando aos propietarios a sacalas ao mercado e garantindo a súa renda, “o concello pagaría as mensualidades desde o minuto un e a partir de aí pasaría a xestionar o alugueiro desas vivendas poñéndoas a disposicións dos mozos, das familias, persoas sen recursos, e xente maior a uns prezos asequibles”, apuntou. . Así estariamos a falar dun programa solvente de aluguer de vivendas sociais que facilitaría o acceso á moitos composteláns.

Así mesmo, nas zonas onde se acumulen baixos abandonados, anunciou que permitirá que se convertan en vivendas, comezando polo barrio de Conxo; tamén flexibilizará a normativa da zona vella xa que, como reiterou noutras ocasións, “se queremos que os veciños volvan ao Casco Histórico temos que permitir que vivan en condicións de calidade de 2023”; desbloqueará as áreas pendentes de desenvolvemento e chegará a un gran consenso de cidade para desbloquear a construción.

Para Verea resulta “curioso que o candidato socialista se limite a repetir todo o tempo que Santiago está así por culpa da Xunta e que o Concello non ten competencias en materia de vivenda, pero logo non faga outra cousa que propoñer medidas que non foi quen de levar a cabo nestes catro anos de mandato. Na mesma liña, e sobre as críticas do PSOE cada vez que propón solucións aos problemas da cidade, deixou claro que “a que non ten ideas, calquera proposta lle parece excesiva”.

O candidato á Alcaldía polo PP comprometeuse a liderar a política de vivenda na cidade e pediu ao candidato socialista que “deixe de mentir porque quen decide o que se constrúe, como se constrúe e onde se constrúe é o concello, e así se fará a partir do 1 de xuño cando chegemos ao goberno”.

En relación ás medidas no eido do comercio, Borja Verea teno claro, “sen veciños non hai comercio”, proba disto “son as políticas do candidato socialista, que en cada un dos seus mandatos levantou un centro comercial: primero foi El Corte Inglés, despois Área Central, e despois As Cancelas, co que arruinou Área Central, e agora os seus esforzos están postos en Costa Vella. Unha política, a dos centros comerciais, que está a supoñer un gran prexuízo para o comercio tradicional santiagués”, lamentou.