Borja Verea, candidato á alcaldía do Partido Popular en Santiago, achegouse á Praza de Abastos acompañado do presidente nacional dos populares Alberto Núñez Feijóo, e asegurou que un dos seus principais obxectivos será facilitar a vida dos cidadáns, polo que, se o vindeiro 28 de maio os composteláns lle dan a súa confianza, traballará para pór en marcha distintas medidas, como faciliar o aparcamento na Praza de Abastos e a súa contorna, co fin de que este espazo de comercio tradicional volva recuperar toda a súa vitalidade e volva ser un motor da cidade.
Para Verea, non é de recibo que acudir ata a Praza de Abastos supoña unha “odisea” para os veciños da capital de Galicia e que esta zona acabe converténdose nun edificio turístico, perdendo a súa verdadeira función, “non se poden seguir poñendo en práctica políticas que convertan a este mercado nun museo”, subliñou.
Para elo, o candidato popular facilitará a posibilidade de aparcar na praza de Mazarelos e Belvís en horario de mercado, sendo gratuíto para os veciños maiores de 60 anos con espazos reservados para eles.
O popular insistiu en que, cando chegue á Alcaldía “porá todos os medios técnicos, orzamentarios e políticos” para construír un aparcamento debaixo da praza de Abastos con prezos competitivos, “algo que merece Santiago e que outras cidades xa desfrutan, pero en Compostela, a pouca ambición de quen nos goberna nos quere facer ver que esta infraestrutura é un imposible”.
Así mesmo “poremos en marcha unha Estratexia de Competitivade Abastos 2031” que terá como obxectivo a ocupación de todas as casillas, a recuperación de clientes locais, o incremento da facturación os martes e mércores; e contará ademais cun plan de infraestruturas cun investimento blindado a varios anos. “Non deixaremos caer a nosa praza, cando sexa Alcalde volverá ser o orgullo de todos os composteláns”, apuntou o candidato á Alcaldía.
O parlamentario popular manifestou que o partido socialista leva anos “destruíndo un mercado imprescindible para os veciños de Santiago”, non hai máis que lembrar que o candidato do PSOE nos seus mandatos levantou ata catro centros comerciais, un por lexislatura, como son o Corte Inglés, Área Central, Cancelas e Costa Vella, que foron baleirando o comercio do centro da cidade e desfacendo o tradicional. “Os socialistas en Santiago son os valedores das grandes áreas comerciais, nós imos facer todo o contrario, que volva medrar o comercio tradicional con medidas valentes” salientou Verea.
O candidato á Alcaldía polo PP denunciou que o partido socialista “converteu o Casco Histórico nun gran decorado e a Praza de Abastos nunha reliquia; botou aos veciños de Santiago cara a outros lugares como o Milladoiro, Bertamiráns ou Sigüeiro; baleirou a zona vella e agora parece que queren botar tamén aos praceiros e usuarios do mercado de Abastos co fin de facer un museo para os turistas”.
Como xa suliñou noutras ocasións o cantidato popular, “a praza de Abastos é un mercado vivo e dinámico, non é un museo, e ten que ter a suficiente flexibilidade e axilidade para poder funcionar; os praceiros, proveedores e os composteláns teñen que ter facilidades para facer alí as súas compras”.
Borja Verea insistiu en que a Praza de Abastos non necesita parches, “necesita grandes investimentos que lle faciliten as cousas aos praceiros, pero tamén a todo o comercio do Casco Histórico”.