Borja Verea, candidato á Alcaldía do Partido Popular en Santiago, visitou o Refuxio de Animais de Bando, acompañado do concelleiro Evaristo Ben, onde anunciou que fomentará a promoción do voluntariado, xa que, en distintas tempadas do ano, os abandonos aumentan, polo que o persoal existente non é suficiente para xestionar ou coidar os animais; ademais creará un voluntariado especializado, cunha formación previa na atención de animais e que non precisen dunha supervisión especifica.
Verea aproveitou a visita para comentar as medidas que levará a cabo relativas ao benestar animal. Así establecerá convenios co sector da hostalería e comercio para facilitar o acceso aos cans e que os locais que se sumen a esta medida teñan un identificativo no que se publicite a súa condición de “Amigable coas mascotas”.
Ademais promoverá unha guía “PetFriendly” para que todos aqueles temas relacionados cos animais queden unificados e se lles poidan dar difusión: restaurantes, cafeterías, saúde e beleza, aloxamento, zonas de esparcemento, actividades lúdicas….
O candidato á Alcaldía afirmou que un can é un membro máis da familia, cos seus dereitos, pero tamén coas súas obrigas. Nesa liña, destacou, “fomentaremos que os seus coidadores exerzan unha tenencia responsable esixindo a limpeza dos espazos públicos recollendo as deposicións e evitando que os animais ouriñen sobre o mobiliario público, fachadas; así instalaremos papeleiras para o depósito de excrementos e distribuiremos botelliñas, para que os coidadores leven sempre consigo, que se poderían encher con agua e vinagre, un desinfectante natural para limpar o pis do can.
Para Verea cada barrio debería contar cun parque canino, así abriranse novos espazos nas zonas onde aínda non conte con este tipo de instalacións, e levarase a cabo unha reformulación e mellora dos xa existentes, como poder ser o de Galeras que se converteu “nun barrizal onde cada vez resulta máis complicado levar alí ás mascotas”.
Ademais, destacou, promoverá unha carreira solidaria en beneficio do refuxio de Bando, “A Perrestre”, na que participarán os donos xunto cos seus animais de compañía e cuxa recadación das inscricións irá integramente destinada ao Refuxio.