O candidato á Alcaldía do Partido Popular en Santiago de Compostela, Borja Verea, desprazouse hoxe ao Restollal para visitar as instalacións de AGAL xunto ao seu presidente, Eduardo Maragoto.
Verea e Maragoto coincidiron na necesidade dunha relación institucional más fluída entre a capital de Galicia e os países de lingua portuguesa.
Nese sentido, Borja Verea aproveitou o encontro para anunciar que pretende poñer en marcha unha semana portuguesa na capital, con literatura, cine, música, gastronomía e artesanía. Un evento que atraería un perfil de visitante con valor engadido e fóra dos períodos de tempada alta.
Aínda no relativo ao turismo, Verea destacou o interese de utilizar a lingua portuguesa para crear sinerxias co mundo lusófono, que engloba un mercado potencial de 300 millóns de persoas (Brasil, Portugal ou Mozambique entre outros). Así podería fomentarse o uso do portugués tanto en páxinas web municipais como en paneis turísticos que sexan especialmente relevantes para os visitantes lusófonos por faceren referencia a episodios de historia compartida galego-portuguesa.
Para Verea, outra iniciativa a levar a cabo nesta liña sería a formación básica en portugués a aqueles hostaleiros que o desexen, algo que podería levarse a cabo dunha maneira sinxela a través dun convenio de colaboración coa Asociación de Hostalería.
O candidato á Alcaldía mostrouse partidario de continuar a impulsar a Lei Paz Andrade, tamén no ámbito municipal, estudando a implementación de iniciativas como as propostas pola asociación. “Co galego podemos chegar máis lonxe e iso é bo para a nosa cultura e para a nosa economía. Debemos ter máis ambición nese sentido”, salientou Verea. Polo seu lado, Maragoto agradeceu a visita do dirixente popular e salientou “os vínculos lingüístico-culturais xeran lazos moi potentes que favorecen as conexións económicas. Desaproveitalos sería unha mágoa nos tempos do mercado global”.