Cando o mandato chega ao seu fin, o Goberno socialista non quere perder unha nova oportunidade de “facernos vivir un último episodio da traxicomedia que está a supoñer esta esgotada, baleira e triste lexislatura socialista”, para elo, converte o Pleno extraordinario de hoxe, é dicir, a proposta de aprobación dos Remanentes, case 25 millóns de euros, no seu primeiro gran acto electoral.

O voceiro popular, José Antonio Constenla, explica que o Goberno socialista somete a aprobación un conxunto de actuacións, “arrastradas de exercicios anteriores, que seguen sen facerse, e que agora cren que poden salvar grazas aos remanentes”. 

Como sinala Constenla, “os cartos que supoñen estes remanentes, case 25 millóns de euros, son para o Goberno socialista un maná que cae do ceo e que lle serven de escusa para agrandar as súas promesas electorais, facéndonos asistir á traca final dun ‘Goberno de mil anuncios’, que pensa antes na propaganda que na xestión”.

O popular lembra que os remanentes non son nada máis que a proba da ineficacia e a incapacidade do alcalde socialista para transformar os ingresos en servizos que melloren a calidade de vida dos veciños. “Estamos ante a chantaxe de ter que absternos na votación a risco de que, de non ser así, serán os veciños os que sufrirán as consecuencias, pero a realidade é que esta proposta presentarana nos actos electorais socialistas como reclamo”, explicou.

Esta situación paralizou o Concello catro anos, que pola incapacidade socialista atravesa por unha preocupante situación de desgoberno, só hai que preguntarlles ás entidades que levan máis dun ano de retraso para cobrar unhas subvencións necesarias para a súa supervivencia. 

José Antonio Constenla remarca que o Goberno socialista bate récords de modificacións orzamentarias, o que significa que este equipo de Goberno non se toma en serio unha ferramenta fundamental como é o Orzamento, que cambia continuamente. 

O voceiro denuncia tamén a falta de diálogo coa oposición, xa que, cun cinismo político esaxerado, trasladaron unha proposta pechada onde, con calzador, meteron obras e actuacións en función dos seus intereses electorais. “Estamos ante a chantaxe de ter que aceptar a súa proposta de maneira íntegra a risco de que, se non a apoiamos, serán os veciños sufrirán as consecuencias, pero a realidade é que esta proposta presentarana nos actos electorais socialistas como reclamo”, explicou.

“Unha vez máis minten aos nosos veciños, porque moitas as actuacións que hoxe plasman na súa proposta non se poderán cumprir, porque non haberá tempo suficiente para deseñar os proxectos, licitalos e executalos antes do 31 de decembro”, incidiu.

Así continuamos cunha situación na que os pagos neste Concello seguen sendo unha materia pendente, xa que os 7,6 millóns da conta 413 volven a poñer de releve a continuada incapacidade para cumprir a legalidade do Período Medio de Pago a Provedores (PMP). 

Ademais, entre as partidas que someten a aprobación, hai investimentos cuestionables, como a adquisición de 2 autobuses híbridos (500.000 euros), “unha medida electoralista e improvisada, que permite coñecer as carencias do futuro contrato de transporte” ou as obras recuperadas dos remanentes de 2021, 3,1 millóns de euros, que supoñen un 68,2% dos 4,6 consignados en 2021, o que evidencia a escasa capacidade de execución do Goberno socialista ao longo de todo o mandato, no que os investimentos anuais previstos apenas superan o 20% do importe global destinado a obras”, dixo.

José Antonio Consenla insistiu en que “os investimentos que agora se repiten e que xa tiñan que estar feitos non son cuestións menores, porque responden a demandas veciñais e incluso a actuación propostas polos grupos e que foron aceptadas polo Goberno socialista”.

Outra vez quedan sen atender accións que forman parte de acordos plenarios que este Goberno ignora, como as melloras en Santas Mariñas/Sar; Curuxeiras/Conxo; San Lourenzo/Carme de Abaixo; a segunda fase da rúa Altiboia; as melloras na falda do Pedroso; o Plan de emerxencia para afrontar o calamitoso estado das vías municipais ante a tardanza na adxudicación do contrato plurianual, entre outras e que nós consideramos que terían maior xustificación que varias das incluídas polo Goberno socialista.