O candidato á Alcaldía de Santiago polo Partido Popular, Borja Verea, presentou hoxe ao equipo que o acompañará nas eleccións do 28M.

Durante o encontro, Verea fixo alusión ao seu lema de campaña “Compostelaré, Santiago en Futuro”, porque “hoxe todo o mundo sabe que solo hai dúas opcións: ou un goberno en forma de tripartido perdedor; ou un goberno de futuro, o noso, para levar Santiago ao século XXI”.

O candidato popular salientou ademais que “hai unha realidade e é que necesito un voto máis que eles tres xuntos, porque non van tardar nin un minuto en formar ese tripartito de perdedores”. Para iso, continuou, “temos un programa de goberno e xestión para os próximos dez anos, xa que queremos poñer en marcha a segunda transformación de Santiago”.

Sobre o seu equipo, Verea sinalou que “están preparados para gobernar desde xa”. Un equipo do que dixo teñen cousas en común como que “ningun dubidou nin un minuto en sumarse a este reto e cumpren cos tres requisitos dos que sempre falei cando me preguntaban pola lista: renovación, capacidade de xestión e compostelanismo”. O tamén parlamentario autonómico quixo salientar as diferenzas entre eles, que enriquecen o equipo, “diferentes idades, diferentes profesións, diferentes barrios e parroquias, e diferentes formas de vivir e entender Compostela”.

En canto as liñas do seu programa, Verea invitou a Bugallo a que lle siga copiando máis propostas como a de dividir os pisos e facilitar a rehabilitación no Casco Histórico cando “hai tan só 15 días criticaba publicamente a nosa medida”, ou a de recuperación do parking da Praza de Galicia, asunto no que candidato socialista votou en contra no pleno; un síntoma máis de que o candidato socialista está “agotado e sen ideas”. 

No acto tamén interviu María Baleato, número 2 da candidatura, que destacou que se sinte “moi orgullosa de formar parte da candidatura de Borja Verea”, “el foi quen me trouxo de volta ao meu Santiago, e grazas a el traballo na miña cidade, onde son feliz, coa miña familia, cos meus amigos, cos meus veciños…”, engadiu.

A máis nova do equipo, Nerea Barcia, de 25 anos e educadora social, tamén tivo un espazo para dirixirse aos seus compañeiros. Natural de Figueiras, agradeceu a compromiso de Verea co rural e coa mocidade, “eu son o exemplo dese compromiso”, e prometeu traballar con todas as súas forzas para devolver ao rural a dignidade que merece, e axudar a que “a nosa cidade volva brilar”.