• Esta instalación sanitaria estará situada na rúa de Isidro Parga Pondal e contará cun aparcamento soterrado de 200 prazas que dará servizo a usuarios e traballadores, ademais do resto do barrio.
  • Para o candidato á Alcaldía, esta infraestrutura é necesaria, xa que esta zona ten experimentado, desde hai un tempo, un aumento notable no número de vivendas e todo indica que seguirá a crecer nos vindeiros anos.

Borja Verea, candidato á Alcaldía do Partido Popular en Santiago, explicoulles hoxe aos veciños do Castiñeiriño, durante a comida organizada pola Comisión de festas que este barrio contará cun centro de saúde, ubicado nunha parcela de 2.000 m2 de superficie, na rúa de Isidro Parga Pondal, no lateral do Corte Inglés. Trátase dunha infraestrutura totalmente necesaria para unha área que está a medrar e que necesita cada vez máis servizos.

Verea destacou que, se o vindeiro 28 de maio, os santiagueses lle dan a súa confianza, promoverá a construción dun ambulatorio no que poderán recibir atención os máis de 7.000 veciños que residen neste barrio e na súa contorna. Esta instalación sanitaria contará con 6 consultas de medicina, 6 de enfermería e 1 de pediatría, ademais dun aparcamento con 200 prazas que dará servizo a usuarios e traballadores e ao resto da zona.

Proxección do aspecto do Centro de saúde do Castiñeiriño

O candidato popular reiterou que se trata dunha infraestrutura imprescindible e moi demandada pola veciñanza e que, ademais, servirá para aliviar o centro de saúde Concepción Arenal, xa que moitas persoas que residen no Castiñeiriño teñen como centro sanitario de referencia o ambulatorio do Ensanche.

Para o popular, esta instalación nace coa intención de incrementar os servizos públicos nun barrio que ten experimentado, desde aí un tempo, un aumento notable no número de vivendas e todo indica que seguirá a crecer nos vindeiros anos, concentrándose, ese crecemento, principalmente, en tres dos seus seis núcleos; o Restollal, Castiñeiriño, Paxonal e Lamas de Abade, ademais do Combarro e O Casal.

Esta iniciativa inclúese no propósito de Borja Verea de poñer en marcha medidas que acaden “un Santiago máis amable, máis familiar e un Santiago máis humano”.