Borja Verea, candidato á Alcaldía de Santiago, visitou hoxe as parroquias de Cesar e Verdía, onde anunciou que, cando chegue á Alcaldía, a zona azul, zona ORA, será gratuíta ata a primeira rotación para os veciños do rural. Así as dúas primeiras horas estarán bonificadas para todos os que estean censados e co vehículo rexistrado nunha das parroquias do noso rural. “
O candidato popular leva comprometido co rural desde que foi elexido presidente do PP de Santiago, polo que asegurou que, no caso de que os veciños lle dean a súa confianza o vindeiro domingo 28, creará unha Brigada do Rural, co fin de ter ao día o mantemento e limpeza destas áreas, o que suporá un aumento de medios coa adquisición, por exemplo, de máis tractores. Ademais, con esta Brigada iniciará un Plan de desbroces de pistas forestais e de gabias, para facilitar o tránsito dos residentes e evitar así os riscos que se producen cando estes espazos non reciben unha mínima atención, como aconteceu ata o de agora, polo que é importante liberar os camiños de maleza e planificar desbroces periódicos en todas as parroquias.
“Estamos a falar dunha demanda recorrente nas diferentes zonas do rural”, subliñou o candidato popular, “alá onde imos a maleza invade as cunetas, os camiños de terra municipais”, de aí que para Verea sexa urxente revertir esta situación.
O popular tamén se comprometeu a por en marcha un Plan de Infraestruturas perfectamente programado para levar a medio prazo o saneamento a todos os puntos; ademais de colocar o abastecemento de agua, en colaboración con outros concellos, a onde o Partido Socialista non foi quen durante os últimos 40 anos; a parte de mellorar a sinalética; establecer unhas liñas de autobus que cubran as súas necesidades; dotar o rural de parques infantís modernos e mellorar os firmes das estradas en peor estado.
Así mesmo, o tamén parlamentario autonómico tachou de tomadura de pelo a escenografía que preparou o alcalde socialista coa sinatura do Pacto Polo Rural a un mes das eleccións, é dicir, 4 anos máis tarde de terse comprometido e cando o PSOE non ten feito nada polo territorio máis extenso do Concello de Santiago. Remarcou, “o noso pacto será todos os días durante os próximo mandato, xa que os veciños do rural pagan os seus impostos e merecen ter as súas parroquias nunhas condicións dignas”.
Para Verea, “chegou o momento do cambio, a xente está decepcionada coas mesmas políticas de hai 30 anos, Santiago merece máis e, fronte ao Santiago da parálise e o atraso do partido socialista, nós propoñemos un Santiago con ganas de medrar; ao Santiago triste e antigo dos actuais dirixentes, propoñemos un Santiago en marcha e con ambición”.