O candidato á Alcaldía do PP de Santiago, Borja Verea, comprometeuse esta mañá a liderar as demandas históricas co Corpo Nacional de Policía da Comisaría de Santiago. 

Tras os feitos acontecidos onte, e despois da reunión mantida co Sindicato Unificado da Policía, Verea mostrou a súa preocupación pola falta de efectivos nunha cidade como Santiago, capital de Galicia, que conta cunha Comisaría de carácter local como pode ser a de Viveiro, en lugar dunha provincial. Para o candidato á Alcaldía estamos a falar “dunha situación extraordinaria posto que en Santiago contamos coas institucións máis importantes de Galicia” (Parlamento, Sede Autonómica, Consellerías, Residencia do presidente da Xunta), sen esquecernos do turismo que recibe a cidade por ser destino de peregrinación. 

Así Verea coincidiu co sindicato en que é evidente que hai que sumar máis axentes a un catálogo totalmente obsoleto, con 250 prazas cubertas actualmente onde “deberiamos ter como mínimo 300 efectivos”. 

O tamén deputado popular comprometeuse, se é alcalde a partir do 28 de maio, a liderar o traspaso permanente a Santiago dunha das 3 unidades antidisturbios coas que conta actualmente A Coruña, o que suporía 50 axentes máis para a cidade, “é inconcebible que Santiago non conte cunha unidade propia” cando a metade do ano teñen que estar desprazados aquí  por manifestacións, visitas de Estado, etc.

En canto á prevención, Verea considerou necesario activar a gravación das cámaras de seguridade que ten instalado o concello na cidade, gravacións ás que só se tería acceso por orde xudicial no caso de ser necesario por algún incidente na rúa. Este mecanismo permitiría que episodios como os de onte quedasen rexistrados para resolvelos con axilidade. Ademais salientou a necesidade de facer especial seguemento nas zonas quentes da cidade con máis presenza policial de coches rotulados.O candidato á Alcaldía insistiu en que Santiago é unha cidade tranquila pero nos últimos meses teñen sucedido episodios moi graves e necesitamos reforzar a prevención para evitar que este tipo de imaxes se repitan, nese senso sinalou que “preocúpanos o acontenido onte, pero a preocupación xa ven de atrás, levamos meses pedindo que o concello actúe e tome medidas e o único que recibimos por resposta foi insultos chamándonos esaxerados”, sinalou Verea.