Borja Verea, candidato á Alcaldía de Santiago, anunciou hoxe que construirá un aparcadoiro orgánico dentro do recinto do Hospital Clínico Universitario, “unha solución integral con dous obxectivos: arranxar o problema de aparcamento, creando 2.000 prazas repartidas en catro plantas; e xerar un espazo humano, de calidade e terapéutico, con máis de 20.000 m2 de zonas verdes”.

“Trátase dun aparcadoiro dentro do propio recinto do CHUS, cun modelo completamente diferente ao do resto de forzas políticas, que queren empregar parcelas alonxadas e con grandes pendentes, lonxe da entrada do hospital e incómodas para os doentes e os seus acompañantes”, incidiu.
O popular explicou que “todo isto se fará, como dixen desde o principio, aproveitando a pendente para crear este gran espazo peonil, onde toda a superficie que quede entre a entrada principal do clínico, o hospital Gil Casares e o futuro centro de Protonterapia serán zonas verdes e peonís, é dicir, estamos ante un novo concepto de hospital.” Dita humanización contarán con bancos, mesas para comer, zonas de paseo, zonas de sombra e áreas de xogos infantís.
Por outra banda, o aparcamento, de 46.000 metros cadrados e que permitirá eliminar todo o estacionamento da superficie do recinto hospitalario, aproveitará a pendente que existe a carón do que será a nova ampliación do CHUS. Ademais esta transformación do espazo exterior do recinto hospitalario levará consigo a creación dun vestíbulo de 3.000 metros cadrados que conectará os dous hospitais cun paso cuberto.
Se o popular consegue a confianza dos santiagueses, presentaralle á Xunta de Galicia un novo concepto de hospital integrado e orgánico, que será unha auténtica referencia en humanización e en espazos amables. “Para nós é a mellor proposta para os veciños, porque a capital de Galicia se merece as mellores respostas e o seu Goberno ten que levar sempre a iniciativa e liderar as solucións dos problemas principais da nosa cidade” subliñou.