Borja Verea, candidato á Alcaldía de Santiago polo Partido Popular, presentou hoxe unha serie de actuacións de arquitectura vertical, encamiñadas a facilitar a accesibilidade dos santiagueses e os seus visitantes, sobre todo, para as persoas con mobilidade reducida. Trátase da colocación de elementos mecánicos ou ramplas cubertos en distintos puntos da cidade que sirvan para salvar desniveis importantes e eliminar barreiras arquitectónicas.
“Este proxecto permitirá cruzar Santiago de sur a norte con total comodidade, superando pendentes máximas do 18 %, o que redundará na calidade de vida da veciñanza compostelá e, ao mesmo tempo, é reflexo do Santiago máis humano que queremos e que complementa o noso proxecto: Paseo de Galicia”, subliñou. Un paseo que, engadiu, “reforzará o noso valor como cidade patrimonio de humanidade”.
Verea indicou que esta iniciativa beneficiará tanto ao comercio, como a hostalería santiaguesa, xa que a facilidade do tránsito desta rúa levaría a moitas das persoas a moverse polo resto do Ensanche, revitalizando moitos dos negocios existentes.
O popular explicou que a primeira destas actuacións levaríase a cabo na rúa Santiago León de Caracas, onde se colocaría unha rampla mecánica, que permitirá superar a importante costa que alí existe, unha actuación que significará a humanización dunha vía pola que transitan un gran número de peóns, usuarios dos dous centros sanitarios e educativos que se atopan nesta contorna, ou mesmo usuarios da estación Intermodal.
O tamén parlamentario insistiu en que esta actuación nace da busca da mellora da accesibilidade e a conectividade da zona, xa que facilita a subida da rúa en sentido Hórreo cara a rúa da Rosa e, ademais, esta permitirá unha maior permeabilidade dos peóns da contorna da estación cara o Ensanche Sur.
“Esta medida, explicou o popular, consiste na instalación de dúas ramplas en sentido ascendente de 28 metros de longo cada unha, cunha separación de 10 metros, aproveitando o espazo que, neste momento, ocupan as xardineiras e a zona de carga e descarga e aparcamento das ambulancias, ademais da modificación da situación actual dos contedores de lixo da parte máis baixa da rúa”.
O proxecto permite o movemento dos peóns dun lado a outro da rúa, posto que non é unha rampla continua, e manteríase a parada dos autobuses diante do centro de saúde Concepción Arenal, ademais distribuiríase unha nova zona de aparcamento das ambulancias.
Esta iniciativa innovadora preséntase despois dun estudo técnico previo e unha valoración económica, polo que é de sobras coñecido que esta é unha actuación perfectamente factible para o Concello de Santiago. Verea explicou tamén que a actuación ten un custe-beneficio moi elevado, xa que o custe desta humanización sería de pouco máis de 680.000 euros, que suporía un 0,55% do orzamento total do Concello.
Finalmente, Borja Verea indicou que, a maiores desta rampla na rúa León de Caracas, tamén se actuaría nunha escaleira en Pastoriza; unha rampla na rúa Carreira do Conde, na rúa de Santo Domingo da Calzada (costa da Camelia); na rúa da Almáciga e na de, Batalla de Clavijo, ademais da conexión entre Belvís e a rúa da Virxe da Cerca.