- O candidato á Alcaldía remarcou tamén que é imprescindible construír unha estación ferroviaria de mercadorías no polígono da Sionlla, unha infraestrutura que sería clave para acadar unha mellor mobilidade das mercadorías, o que significaría un incentivo para consolidar a industria existente e atraer a instalación de novas industrias.
- Verea lembrou ademais a súa proposta de crear a Oficina SantiagoInviste, que permitirá captar investimentos de fora e facilitará aos inversores interesados en crear emprego e negocio na capital de Galicia o seu aterraxe na cidade.
Borja Verea, candidato á Alcaldía polo Partido Popular en Santiago, asegurou hoxe que a capital de Galicia non pode renunciar á conexión ferroviaria co aeroporto. Verea fixo estas declaracións no acto de sinatura dun pacto pola defensa e activación en común dos intereses xerais da cidade, que organizou o Foro Cívico, unha plataforma de traballo que reúne a institucións, asociacións e colexios profesionais de Compostela.
O popular remarcou que é imprescindible construír unha estación ferroviaria de mercadorías no polígono da Sionlla, polo que reclama ao Goberno central un estudo de viabilidade que permita acreditar a RENFE que o tráfico de mercadorías será o suficiente para xustificar o seu investimento. Nese senso destacou que non renuncia á unha conexión que chegue ata ao aeroporto e na que se inclúa o transporte de viaxeiros. Esta infraestrutura contemplábase no Plan Xeral do 1989 e xa hai reservado un espazo de 73.000 m2 xunto ás vías do tren. Esta instalación sería a chave para que Santiago mellore as súas infraestruturas para acadar unha mellor mobilidade das mercadorías, o que significaría un incentivo para consolidar a industria existente e atraer a instalación de novas industrias.
Por outra banda, Verea destacou que, se os santiagueses lle dan a súa confianza o vindeiro domingo, ofrecerá unha solución integral para o aparcamento do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), coa que acadará dous obxectivos: arranxar o problema de aparcamento, creando 2.000 prazas repartidas en catro plantas; e xerar un gran espazo verde con máis de 20.000 m2. O aparcamento, de 46.000 m2 e que permitirá eliminar todo o estacionamento da superficie do recinto hospitalario, farase aproveitando a pendente co fin de crear un gran espazo peonil, onde toda a superficie que quede entre a entrada principal do Clínico, o hospital Gil Casares e o futuro centro de Protonterapia serán zonas verdes e peonís.
Solucións á falta de vivenda
Ante o problema de vivenda que existe en Compostela, o popular asegurou que porá en marcha medidas como o Bono Vivenda para mobilizar vivenda baleira, incentivando aos propietarios a sacalas ao mercado garantindo a súa renda; permitirá vivendas en baixos comerciais, coa modificación da regulación urbanística; e a flexibilización da normativa no Casco Histórico, permitindoa división dos pisos en apartamentos máis pequenos e a rehabilitación con estándares do século XXI.
Para Verea, a xestión do ciclo integral da auga de Santiago é unha débeda pendente coa veciñanza, xa que nestes anos nada se fixo, o que meteu a Santiago nun retraso de moitos anos neste eido. Co Goberno socialista, subliñou, “esta xestión quedou paralizada, a pesar de todas as prórrogas que tivo o actual contrato de abastecemento de auga, polo que empezarei a traballar para atopar unha solución que garanta este servizo público, cun modelo eficiente que renove e mellore a rede de saneamento e abastecemento, levándoa a zonas como o rural, onde aínda non existe”, indicou.
O tamén parlamentario explicou que propiciará un ámbito favorable que acelere e consolide a implantación de novos emprendedores en Compostela, para o que creará a Oficina SantiagoInviste, que permitirá captar investimentos de fora e facilitará aos inversores interesados en crear emprego e negocio na capital de Galicia o seu aterraxe na cidade. Tamén levará a cabo a eliminación de licenzas e trámites innecesarios a través de entidades certificadoras; a situación actual supón trabas aos veciños, aos autónomos e ás pequenas empresas, xa que no Concello de Santiago existe un problema endémico que causa un gran malestar, como son os retrasos inxustificables na concesión de licenzas e permisos, o que xera un colapso administrativo e dana o tecido económico, ademais de retrasar e imposibilitar moitos investimentos.
Finalmente, Borja Verea manifestou o seu compromiso co deseño dunha xestión e promoción turística sustentable para os vindeiros anos, centrándose nos turistas de valor engadido priorizando a calidade sobre a cantidade, posto que, afirmou, “o importante é que os visitantes que cheguen a Santiago pasen máis tempo na cidade e fagan máis gasto no noso comercio e hostalería”.