Un dos obxectivos de Borja Verea, candidato á Alcaldía polo Partido Popular en Santiago, é facer de Compostela “unha cidade máis amable, máis familiar e máis humana”. Así, desde o Partido Popular de Santiago non podemos obviar que as mascotas son parte xa da nosas familias, polo que poremos en marcha medidas destinadas a mellorar a convivencia amable entre a veciñanza e os animais de compañía, posto que segundo o Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía (REGIAC), en Santiago hai 17.327 cans rexistrados e 1.424 gatos.

Para elo, o popular explicou que creará parques caninos nos distintos barrios da cidade onde aínda non se conte con este tipo de instalacións, como por exemplo na zona do Monte do Conxo. Así mesmo, reformularase e melloraranse os parques xa existentes, como poder ser o de Galeras. 

Verea indicou que, se a veciñanza lle da a súa confianza este domingo, 28 de maio, potenciará o voluntariado para o Refuxio de Bando, xa que, en distintas tempadas do ano, os abandonos aumentan, polo que o persoal existente non é suficiente para xestionar ou coidar os animais. Ademais, crearemos un voluntariado especializado, cunha formación previa na atención de animais e que non precisen dunha supervisión específica.

Neste sentido, como xa anunciou, promoverá unha carreira solidaria en beneficio do refuxio de Bando, “A Perrestre, na que participarán os donos xunto cos seus animais de compañía e na que a recadación das inscricións irá integramente destinada ao Refuxio. 

Por outra banda, o tamén parlamentario explicou que se establecerán convenios co sector da hostalaría e comercio co fin de facilitar o acceso das mascotas a estas instalacións e, os locais que se sumen a esta medida, terán un identificativo no que se publicite a súa condición de “Amigable coas mascotas”. 

Borja Verea destacou que se promoverá unha guía “PetFriendly”, para que todos aqueles asuntos relacionados cos animais queden unificados e se lles poidan dar difusión, aquí se recollerán: restaurantes, cafeterías, saúde e beleza, aloxamento, zonas de esparcemento e actividades lúdicas, entre outras.

O candidato popular insistiu en que “se defenderán os dereitos dos cans como un membro máis da familia, pero tamén coas súas obrigas, polo que fomentaremos que os seus coidadores exerzan unha tenencia responsable”, esixindo a limpeza dos espazos públicos, recollendo as deposicións e evitando que os animais ouriñen sobre o mobiliario público ou fachadas.

Para facilitar isto, instalaranse papeleiras para o depósito de excrementos e distribuiranse botelliñas, para que os coidadores as leven sempre consigo, que se poderían encher con auga e vinagre, un desinfectante natural para limpar as deposicións do can. 

Así mesmo, desde o Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC) e o Refuxio de Animais realizaranse campañas de sensibilización para potenciar a adopción ou o apadriñamento de animais e prestarase especial atención ao control das colonias de animais en liberdade. 

En relación a outras mascotas como son os gatos, traballarase para garantir o bo funcionamento das colonias felinas que existen na cidade, polo que se establecerán medidas, en colaboración cos responsables das mesmas. 

Para elo, daranse instrucións técnicas a coidadores e alimentadores sobre os aspectos relativos a súa actividade, particularmente, sobre o control sanitario e veterinario dos animais; e manterase un control da poboación da colonia e da súa alimentación, ademais da hixiene destas instalacións.

Verea lembrou que foi o Partido Popular, estando no Goberno da cidade o que aprobou, no ano 2015, o Protocolo para a creación e mantemento das colonias de gatos no termo municipal, adiantándose, con este protocolo á normativa autonómica, que na súa Lei de Protección Animal de Galicia recolle o tema das colonias felinas.