O voceiro do Partido Popular de Santiago de Compostela, Borja Verea, presentou hoxe a distribución de competencias dos seus concelleiros.
Verea afirmou que desde o pasado sábado “comezamos a construción dun goberno alternativo de futuro, porque liderar a oposición significa mostrar aos cidadáns as liñas principais doutra maneira de gobernar”, e sinalou que o farán desde o minuto 1 “traendo á axenda pública as cuestión claves para o futuro de Santiago, fiscalizando as carencias cando as haxa e, sobre todo, proxectando a nosa maneira de entender Compostela”.
Así o reparto de competencias quedará da seguinte maneira:
- María Baleato: Vicevoceira primeira, Turismo, Acción Cultural e Relacións Institucionais.
- Yolanda Otero: Vicevoceira segunda, Servizos Sociais, Familia, Infancia e Maiores
- José Antonio Constenla: Vicevoceiro terceiro, Casco Histórico, Urbanismo, Vivenda
- Olaya Otero: Economía, Industria e Comercio.
- José Ramón de la Fuente: Deportes, Seguridade e Centros Socioculturais
- Nerea Barcia: Medio Rural e Parroquias
- Evaristo Ben: Participación cidadá, Consumo e Benestar Animal
- Rosario Ferreiro: Contratación e Facenda
- Adrián Villa: Mobilidade, Infraestructuras e Medio ambiente.
- Borja Rubio: Educación, Xuventude, Igualdade e Dereitos LGTBI
Un grupo preparado para gobernar en calquera momento, destacou Verea, que segue “confiando no socialismo compostelán, e o digo claramente, cando eles digan, en calquera momento, en calquera minuto e sen liñas vermellas, estaremos aí para pensar no verdadeiro futuro de Compostela”. Así sinalou que Santiago é unha cidade única diferente, e polo seu valor simbólico universal “non pode entrar en cupos e repartos partidistas”.
O voceiro popular fixo ademais alusión aos pactos nas capitais das outras dúas comunidades históricas, Cataluña e País Vasco, nos que o Partido Popular facilitou un goberno do PSOE. Na capital catalana, Barcelona, cunha abstención; e na capital vasca, Vitoria, votando a favor dun goberno socialista. Algo que dista moito da postura do PSOE na terceira capital histórica, a de Santiago, onde sendo o PP a forza máis votada con 11 concelleiros e tendo o BNG 6, o PSOE apoiou ao BNG. Neste senso Verea sinalou que “a política son ideas, principios, pero sobre todo exemplos. O PSOE pode demostrar aquí en Compostela a súa categoría”, e engadiu que “terá as portas abertas para dar xuntos un exemplo democrático que supere a rancia política de bloques”.
Así insistiu na posibilidade de deixar atrás un goberno soberbio -xa que decidiu formar un goberno minúsculo de 6+2 de 25-, un goberno sectario -que o demostrou no seu discurso de investidura e na negociación dos dereitos de representación-, e un goberno inútil, numericamente inútil; e construír xuntos “un goberno de progreso, moderno e forte, pensando só en Composela”.
Pleno de organización
En canto ao estado das negociacións do Pleno de Organización, Verea pediu feitos e non só palabras sobre democratizar as institucións, abrir as portas e querer transparencia. “Respectar a democracia significa respectar o traballo da oposición e dignificar o traballo da oposición, e entender que a xente decidiu que teñamos 11 concelleiros para facer ese traballo”, sinalou o voceiro popular tras amosar a súa preocupación pola reunión mantida onte para tratar este tema.
Así lembrou que o reparto dos dereitos de representación ten que ser proporcional á vontade democrática dos cidadáns e “a proposta que nos presentaron, sen entrar en números, non o é”. Así pediu ao BNG que recapacite e rebaixe “o seu termómetro de soberbia” e deixou claro que non tería ningún problema en que se tranparentase a negociación “con luz e taquígrafos”. Ademais calificou de “sinxelos” os cálculos relativos ás dedicacións de concelleiros para poder facer o seu traballo “dignamente”, que, contando con que 8 son para o bipartito de 6+2, e que a día de hoxe hai 14 dedicacións, e sabendo o número de concelleiros de cada partido, non sería difícil pensar en como habería que repartir as 6 dedicacións restantes; pero evitou entrar en propostas concretas feitas polo goberno nacionalista por respecto ás negociacións.
Nomeamento persoal eventual do BNG e CA
O presidente dos populares composteláns amosou a súa preocupación tamén por uns posibles nomeamentos de persoal feitos polo goberno do BNG antes de chegar a acordo co resto de forzas políticas. Así aclarou que a negociación dos dereitos de representación inclúe as comisión informativas, as dedicacións dos concelleiros, e o personal que axuda ao bo funcionamento dos grupos municipais. Uns repartos que son proporcionais á representación democrática de cada grupo.
“O que non pode suceder”, salientou, “é que o BNG nomee ao seu persoal sen ter pechado un acordo co resto de forzas políticas, tal e como nos anunciou onte pola mañá, aspecto co que lles dixemos que non estabamos dacordo por crer ademais que non era a práctica habitual neste Concello”. De confirmarse este feito, engadiu, estarían “atentando contra os dereitos de representación do resto de partidos, ademais de deixar claro que o de querer abrir as portas, pero de par en par, pasa por nomear antes de nada aos seus compañeiros sen respectar as normas democráticas básicas”.Nese senso Verea puxo como exemplo o acontecido no ano 2019, cando o exalcalde Sánchez Bugallo, sendo a forza maioritaria, esperou a ter un acordo global co resto de forzas políticas. Así o pleno de organización celebrouse o 28 de xuño, e o nomeamento do persoal de todas as forzas políticas realizouse o 4 de xullo.