O líder dos populares composteláns, Borja Verea, amosou hoxe a súa preocupación polo “empecimanento do goberno nacionalista de seguir adiante co seu acto do 25 de xullo, rachando todos os consensos institucionais”.
Verea destacou que estamos ante un goberno que non entende a democracia porque “non se pode facer un acto de conmemoración cidadá tendo en contra practicamente a toda a corporación”. Así, sinalou, “temos unha rexidora que non parece aceptar que o seu apoio popular redúcese a 6 concelleiros” e destacou que nunha un alcalde tiivo tan pouco respaldo cidadán na historia de Santiago.
O voceiro popular lembrou que se lle comunicou ao BNG expresamente en Xunta de Portavoces que 17 dos 25 concelleiros estaban en contra de facer ese acto contraprogramando a Ofrenda do Apóstolo. Se aínda así continúan, “están convertendo a soberbia que xa vimos a mesma noite electoral nun comportamento antidemocrático, que rompe por primeira vez os consensos institucionais da nosa cidade”, lamentou.
Verea quixo salientar que, “se segue adiante cun acto que conta co rexeitamento da prática totalidade da Corporación, este acto non será loxicamente da corporación, non será un acto da Institución, porque a inmensa maioría dos representantes lexítimos do concello de Santiago amosaron o seu rexeitamento”.
Así salientou que “é difícil entender que a Sra. Sanmartín non asuma as regras da democracia e siga adiante cun acto ilexítimo e antidemocrático”. Un acto, engadiu, “con condecoracións ou títulos fóra da lei, xa que teñen que estar amparados baixo o Regulamento de Títulos, que di expresamente que títulos e condecoracións pode dar e como o concello de Santiago”.
O líder popular denunciou que “non estamos ante un acto institucional, senón do BNG, para a xente do BNG, e cuns premios que se dan desde os criterios do BNG; e, tratándose dun acto de partido, estaremos vixiantes para que non se utilicen fondos públicos de todos os cidadáns para unha festa privada do BNG e da Sra. Sanmartín”. A pesar das afirmacións do goberno nacionalista de seguir adiante, pediu que “recapaciten, se asesoren e volvan ao consenso institucional”.
O PSOE, o seu socio responsable
O voceiro do Partido Popular calificou ao PSOE de “corresponsable deste despropósito, posto que hai un mes regaláronlle a alcaldía a un BNG con 6 concelleiros, entregándolle os seus 10.000 votos sen nada a cambio, posto que non se coñece ningún acordo de investidura”.
Así, en menos dun mes, salientou Verea, “a Sra. Sanmartín rise na cara do socialismo compostelán collendo os seus 10.000 votos pero deixando claro que vai facer o que lle dea a gana, o da democracia xa se iso queda para outro día”.
E lamentou que “a cidade teña que ser testemuña do esperpento moito antes do previsto, unha lección acelerada que estou seguro está facendo recapacitar e arrepentirse a moitos dos votantes socialistas de Santiago”.