O Partido Popular de Santiago, a través do seu concelleiro José Ramón de la Fuente, denuncia o sobrecusto que suporá para todos os composteláns as últimas decisións tomadas polo BNG con respecto ao contrato da EDAR.

Para De la Fuente, a Sra. Sanmartín vén de inflixir a Santiago e aos seus veciños unha auténtica bofetada ao solicitar unhas modificacións na nova licitación do contrato, que suporá un novo retraso na execución da obra e un incremento do custo de máis de 11 millóns de euros. “É inconcebible que o BNG participe na paralización do inicio das obras e contribúa a ese incremento significativo de custo”, sinalou.

O concelleiro lembrou que as malas decisións tomadas xa no 2018 por Xan Duro, membro do actual goberno, trouxéronnos ata onde estamos hoxe, aínda sen depuradora e vertendo resíduos ao río Sar, o que supón un atendado á nosa contorna natural que pouco parece importalle ao seu equipo de goberno. Neste senso, destacou que “a pereza e a desidia administrativa do goberno de CA, no que participou o actual concelleiro Xan Duro, provocaron unha demora na preparación, licitación e adxudicación do contrato que hoxe comprobamos determinante da necesidade da resolución de dito contrato, que suporá un sobrecusto” que, lamentou, “terán que finalmente pagar todos os composteláns”.

Así, De la Fuente deixou claro que hai dous responsables desta situación: Compostela Aberta, actualmente no goberno, polas decisións tomadas en 2018, e o BNG da Sra. Sanmartín, que docilmente consinte un novo aprazamento do inicio das obras, cun calendario que sabemos imposible de cumprir -coñecidos os antecedentes e en mans de quen está a eficiente e dilixente xestión do contrato-, e un incremento de custos que repercutirán nos veciños do Concello de Santiago a través do recibo da auga. 

Por todo isto, o popular pediu ao BNG que aclare “cal será a repercusión das tarifas do recibo da auga que pagan os veciños de Santiago polo tratamento e depuración da mesma”. E con respecto aos vertidos que recolle o noso río Sar a diario, preguntouse “que propón o goberno nacionalista para paliar este desastre medioambiental ata que teñamos unha nova depuradora”.