O voceiro do Partido Popular, Borja Verea, asegurou hoxe que as campañas informativas que está a promover o Goberno da Sra. Sanmartín non son suficientes e non van evitar os actos vandálicos e as actitudes inapropiadas que estamos a sufrir no Casco Histórico de Santiago nas últimas semanas.
Verea subliñou que é evidente a necesidade de poñer multas significativas e destacou que, dende o Partido Popular, “considérase máis efectivo facilitar a normativa, co fin de que sexa máis doado poñer ditas sancións e tamén que se poida contar con máis presenza policial, para garantir que esas actitudes incívicas desaparezan”.
O popular lembrou que hai uns días, no Pleno ordinario, “nós propuxemos a realización dun regulamento e o Goberno nacionalista dixo que non facía falta, que chegaba con estas campañas informativas, polo que nos alegramos que agora empecen a mudar de idea e se acheguen ás nosas iniciativas”.
“Sabemos que son poucas, pero maleducadas, as persoas que levan a cabos estes actos, polo que reiteramos que o máis efectivo son as multas e a maior presenza policial, posto que este tipo de situacións se van multiplicando a medida que pasan as semanas”, remarcou.
Borja Verea insistiu na súa petición que que se leve a cabo “unha reacción contundente do Goberno nacionalista en Santiago”, polo que espera que o Goberno do 6+2 non se quede só na posta en marcha dunhas medidas informativas, “senón que se sumen á nosa proposta e modifiquen as ordenanzas, xa que o que se atreve a escalar pola fachada da Catedral ou acende un camping-gas na praza do Obradoiro; ou o que arranca un sinal e ven con ela, xa sabe que iso non o pode facer”.