Nos últimos meses, o Partido Popular ven reiterando a solicitude de que Santiago conte con maior presencia policial, unha petición que agora valida o propio Ministerio de Interior ao confirmar o incremento significativo de actos e comportamentos delictivos na capital de Galicia.

O concelleiro popular, José Ramón de la Fuente, pon de manifesto, unha vez máis, a necesidade de que Santiago conte definitivamente cunha Comisaría de Policía Nacional co rango adecuado ás necesidades de seguridade de Compostela, capital de Galicia e sede da Administración autonómica, ademais de destino turístico de interese internacional, que recibe diariamente multitude de visitantes.

“As peculiaridades desta cidade xustifican sobradamente a demanda que facemos, que tamén inclúen que Santiago teña, de forma permanente, unha das unidades de Antidisturbios, actualmente destinadas na Coruña, e que se desprazan, case diariamente, ata aquí, situación que non parece comprensible”.

De La Fuente reclama a urxente a provisión de prazas vacantes, tanto no Corpo Nacional como da Local e, incluso, demandar do Goberno do Estado a actualización do catálogo de prazas correspondente á Comisaría de Santiago, fixado en 2007, para elevar a ratio de efectivos.

Por outra banda, o popular considera necesario tamén activar a gravación das cámaras de seguridade que ten instalado o Concello na cidade, gravacións ás que só se tería acceso por orde xudicial no caso de ser necesario por algún incidente na rúa. 

Datos Ministerio Interior

Segundo os datos publicados polo Ministerio de Interior, a criminalidade convencional creceu en Santiago, entre 2021 e 2022, un 27%, o maior incremento de toda a provincia. 

As cifras tamén veñen a poñer de manifesto que a criminalidade convencional segue a subir; entre o primeiro trimestre de 2022 e de 2023 incrementouse en algo máis do 17 %, o aumento máis alto de toda a provincia (que, globalmente baixa un 4,9 %); os delitos contra a liberdade sexual subiron nun 11,1%; e o distintos tipos de roubos tamén van en aumento o mesmo que o tráfico de drogas; mentres que os delitos que afectan á cibercriminalidade baixan.