O Partido Popular, como xa solicitou no pasado Pleno ordinario, reclama a creación dun Plan Estratéxico Municipal de Voluntariado para Santiago, unha iniciativa, como reitera o concelleiro Popular, Borja Rubio, “fundamental para fortalecer a participación cidadá, abordar as necesidades específicas da nosa comunidade, fomentar a colaboración entre entidades e organizacións, promover o desenvolvemento persoal dos voluntarios e mellorar a calidade de vida da nosa veciñanza”.

Rubio, acompañado pola tamén concelleira Olaya Otero, puido observar de primeira man a importancia do traballo do voluntariado, na súa visita ao Centro Xuvenil Don Bosco, onde centos de nenos e nenas desfrutan o verán, facilitando tamén a conciliación aos seus proxenitores.

O popular insistiu en que, una cidade como a capital de Galicia, debería contar con máis iniciativas como esta, sobre todo, no mes de agosto, polo que reiterou que o Goberno da Sra. Sanmartín debería pórse a traballar para que cada vez existan máis organizacións que leven a cabo estas tarefas. 

Para elo, o Partido Popular considera imprescindible contar con dito Plan, que significaría fomentar e facilitar a participación activa; e brindaría ademais un marco organizativo claro, establecendo programas e proxectos específicos que permitan aos voluntarios contribuír de maneira efectiva na mellora do Concello. Medidas tamén encamiñadas a fortalecer o sentido de pertenza, a solidariedade e a responsabilidade cívica dos cidadáns cara a Compostela.

Así mesmo, como explica Borja Rubio, “estableceríase unha colaboración efectiva entre organizacións: facilitando a cooperación entre as entidades do terceiro sector, as institucións locais e os voluntarios, creando unha sinerxía que permitirá unha xestión máis eficiente dos recursos dispoñibles, evitando duplicidades e promovendo a reciprocidade para alcanzar obxectivos comúns”.

Por outra banda, este Plan ofrecería programas de formación para as persoas voluntarias, permitíndolles desenvolver competencias como traballo en equipo, liderado, empatía e resolución de problemas. “Estas habilidades serán valiosas tanto para o seu desenvolvemento persoal como para a súa inserción no mercado laboral segundo reflicten varios estudos concluíntes”, explicou.Hai que sinalar que as entidades do terceiro sector desempeñan un papel fundamental na sociedade e realizan unha ampla gama de actividades para abordar diferentes problemáticas. No Concello de Santiago, existe un tecido asociativo relevante, pero se carece dun plan estratéxico municipal para traballar no eido do voluntariado.