Os concelleiros Adrián Villa e Olaya Otero recibiron esta semana aos membros do comité de empresa da concesionaria da recollida e xestión do lixo na capital galega, encabezados polo seu presidente, Ricardo Méndez.

Os populares interesáronse así pola situación dos traballadores logo de coñecer, a pasada semana, que houbo un parón a causa do incumprimento no convenio de rotacións e no servizo de recollida. Os edís manifestaron así a súa preocupación pola situación dos traballadores e pola falta de maquinaria e materiais que figuran no contrato que o concello e a empresa concesionaria asinaron a finais do mes de febreiro de 2022. Adrián Villa afirmou que “estamos ante o contrato dun servizo fundamental para a cidade polo que, tan só ano e medio despois da súa sinatura, non é razoable que provoque problemas para a correcta recollida dos residuos”.

Desde o comité de empresa púxose de manifesto a falta de persoal pero, sobre todo, a falta dos camións de recollida comprometidos, sen os cales a recollida é máis complicada ao non haber unha adaptación entre os vehículos e os novos colectores. Neste senso, denunciou Villa, “é incomprensible que máis dun ano despois da posta en marcha do novo contrato sigan sen estar a disposición os medios que obrigaba a licitación e que o goberno non contemple ningún tipo de penalización por incumprimento de contrato”. Así o concelleiro destacou que “estamos a falar dun total de 25 cinco vehículos” que se reparten en 5 de carga traseira e doce de carga lateral, ademais de dúas barredoras de calzada, dúas cisternas grandes e catro baldeadoras eléctricas, e sinalou que “non é que falten un ou dous por entregar, faltan todos e aquí non pasa nada”.

Ademais, na reunión falouse das illas de recollida do casco histórico e tamén dos varredores eléctricos, os cales, segundo indicaba o propio comité da empresa, sufriron avarías e non funcionan na actualidade. Neste mesmo senso, os populares e os membros do comité tamén falaron da compresora que daba servizo aos locais de hostalaría do Franco e Raíña, un punto necesario para evitar que os establecementos se vexan na obriga de acumular as bolsas de residuos e que, pola noite, os traballadores teñan que recoller de forma manual unha gran cantidade de sacos que provocan demoras e, sobre todo, prexuízos nos traballadores polo volume e peso destes.

Nestes días o comité tamén celebrou unha reunión no Pazo de Raxoi, coa presenza do concelleiro de Medio Ambiente e doutros dous edís do goberno. Villa aproveitou para lembrar que “a alcaldesa non estaba presente nesa reunión. Isto pon de manifesto a preocupación que ten. Pasotismo puro e duro”. O edil tamén criticou que, “logo de coñecerse o paro da pasada semana e coa cantidade de xente que hai na nosa cidade, é incrible que o goberno nacionalista pospoña a reunión para o mes de setembro”. “Un contrato de 100 millóns de euros non é unha cuestión menor. Xa pasou un prazo máis que suficiente para que o servicio se adapte ao contrato asinado”, indicou.

Por outra banda, o popular tachou de “lamentable” que o goberno, na publicación da reunión, pedise sensibilización á veciñanza e hostalaría. “Nós estamos aquí para mediar e buscar solucións aos problemas”, afirmando que “hostalaría e veciñanza, entre outros, pagamos este servizo. Terá que adaptarse e dar facilidades, non complicacións; polo tanto, o goberno terá que mediar e buscar solucións, para iso, a pesar de ser os perdedores, decidiron gobernar”.

Por último, Villa e Otero comprometéronse a facer un seguimento destas demandas e problemáticas, criticando ao goberno municipal por ter posposto a citada reunión a tres para o mes de setembro. “Non é aceptable que nas festas da Ascensión se desconvocase unha folga cun compromiso e que, non cumprido, agora o goberno deixe pasar semanas ata levar a cabo unha reunión, que debera ser urxente”, indicaba Olaya Otero. Villa, pola súa banda, indicou que os populares pedirán información e explicacións no vindeiro pleno municipal.