O concelleiro do Partido Popular, José Ramón de la Fuente, amosou a súa preocupación polos prexuízos de difícil reparación que lles poida provocar aos clubs deportivos a execución das obras do pavillón de Vite no calendario anunciado e sen aínda alternativas viables onde poidan desenvolver a súa actividade con normalidade.

De a Fuente manifestou así que as obras que se pretenden levar a cabo, e que son un proxecto xa preparado na anterior lexislatura herdado do anterior goberno, son absolutamente necesarias, “salta á vista para calquera que visite o pavillón, como denunciamos en repetidas ocasións”, pero “pretender comezar a súa execución no mes de xaneiro de 2024, como anunciou a Sra. Sanmartín, pode supoñer un grave prexuízo para os clubs de hockey que utilizan esas instalacións para os seus adestramentos e partidos de competición oficial, xa que nese momento se encontrarán na metade da tempada”, e ata o momento non consta que o Concello teña disposto un lugar alternativo con garantías que cumpra os requisitos técnicos das competicións.

Os clubs de hockey da cidade utilizan o pavillón de Vite tanto para os adestramentos como para os partidos de competición oficial, e as medidas e características do campo e das instalacións, aínda coas graves deficiencias coñecidas, cumpren a día de hoxe os requirimentos técnicos que a fan apta para a competición; “calquera instalación alternativa que o Concello dispoña para a utilización dos clubs durante a execución das obras debe cumprir tamén eses parámetros, en caso contrario os clubs poden ter que afrontar penalizacións deportivas e incluso económicas”.

Sen prexuízo de que sexan os propios clubs os que determinen que calendario da execución das obras é menos prexudicial para o desenvolvemento da súa actividade e das competicións, parece que o máis axeitado sería facer coincidir a maior parte das obras co período comprendido entre a finalización da temporada 2023-24 e o comezo da temporada 2024-25. Isto lles permitiría aos clubs dispoñer do pavillón de Vite durante máis meses, e mesmo lles facilitaría negociar con federación e clubs cambios no calendario de competición.

Así, o popular instou ao Concello a reunirse canto antes cos clubs afectados, explicarlles o programa e calendario previsto para a súa execución e escoitar as súas necesidades e os problemas que poden orixinarlles, “os clubs son os primeiros interesados en que se realicen esas obras, pero compre facelas sen causarlles prexuízos innecesarios ou facilmente evitables, cando non irreparables”.

Neste senso, De la Fuente pediu ademais un “compromiso real” por parte do concello de buscar e preparar adecuadamente e con tempo suficiente unha instalación alternativa onde poidan desenvolver con garantías os seus adestramentos e tamén os partidos de competición oficial, polo que non serve calquera lugar para saír do paso, ten que tratarse dunha instalación que permita que se cumpran os requirimentos técnicos exixidos pola competición, e non parece que o Concello teña nada avanzado nese aspecto, como recoñeceu a Sra. Sanmartín.

Para o concelleiro popular o BNG está a comezar a casa polo tellado, así “o normal sería ter falado cos clubs afectados, buscar solucións aos problemas e necesidades que lles prantexaran e logo licitar as obras, pero aquí fixérono todo ao revés, co expediente de contratación en marcha e a tempada a punto de comezas, os clubs non saben se van poder dispoñer ou nunha dunha instalación onde adestrar e disputar o partidos de competición a partir da metade da tempada”, denunciou.