A concelleira do PP de Santiago, Nerea Barcia, mantivo estes días unha reunión cos veciños do Eixo para coñecer de primeira man os problemas cos que teñen que lidiar a diario na parroquia.
Tras oito anos de desleixo por parte dos gobernos de esquerdas, a veciñanza desta parroquia compostelá segue reclamando que o Concello arranxe a ponte do río pertencente ao treito do Camiño de Santiago que pasa por esta zona, derrubado hai anos por mor dun temporal e que segue nun estado lamentable desde entón. Así Barcia transmitiu aos veciños da contorna que é inadmisible o estado de abandono ao que teñen sumido a este lugar, e denunciou que “non chega con poñer a túa firma no Pacto polo rural e despois esquecerse del durante 4 anos, iso é papel mollado, e as prioridades demóstranse con feitos, non con promesas que nunca de chegan a cumprir”. Para a concelleira, o rural de Santiago precisa dun cambio de 180 graos e que alguén se preocupe por estes veciños, que pagan impostos igual que os que viven no centro, e comprometeuse a fiscalizar ben de preto o traballo do goberno ademais poñerse a disposición dos cidadáns do rural para todo o que necesiten.
E é que, para Barcia, queda moito por facer e a mostra é o estado do campo da festa municipal que hai en Santa Lucía, “algo tan sinxelo como manter un campo da festa parece unha odisea no rural”, denunciou. Así, os veciños levan meses pedindo que o Goberno poña fin ao abandono que sofre o campo da festa de propiedade municipal; para a concelleira é necesario ademais que se repoña a luz e a auga, suspendidas polo Concello; e que se arranxen as instalacións eléctricas das casetas onde gardan materiais os veciños, posto que os cadros existentes se atopan en moi mal estado, incluso chegando a caer, co perigo que iso supón para a xente que pasa polas inmediacións.