O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, compareceu hoxe en rolda de prensa para pedir explicacións pola ambigüidade do goberno do BNG nas políticas das Vivendas de Uso Turístico (VUTS).
Para Verea, o BNG da Sra. Sanmartín está enganando ou aos propietarios das VUTS ou a toda a cidadanía de Compostela, posto que desde o minuto 1 este goberno en minoría iniciou unha guerra contra os nosos visitantes cun irresponsable discurso turismofóbico poñendo na diana aos turistas pero, ao mesmo tempo, e tras unha reunión do PP de Santiago coas VUTS, “tivemos coñecemento de que o BNG, tras unha reunión con Sanmartín, lles promete a legalización masiva de case 1.000 VUTS”.
Así, afirmou o tamén deputado autonómico, Sanmartín está enganando a toda a cidadanía con ese discurso turismofóbico repetindo sen parar que hai un exceso de turistas e que temos como cidade un parque temático, poñendo máis impostos, creando esas normas de convivencia, pero ao mesmo tempo, prometendo unha legalización masiva de case 1.000 VUTS. Neste senso Verea acusou ao BNG de mentir ao propietarios das VUTS ou a todos os composteláns e tamén de atacar a esencia existencial de Santiago de Compostela, “o máis importante centro de peregrinación de Europa Occidental, que naceu hai 1.000 anos para recibir peregrinos”.
Por iso quixo deixar claro que “non compartimos as mensaxes do BNG”, e advertiu que “de seguir con ese discurso de odio ao turista, as políticas nacionalista poden ser letais para a nosa cidade”. Verea pediu que a Sra. Sanmartín explique publicamente cal vai ser a súa postura fronte ás VUTS e esixiu que cese xa o discurso de odio sobre o turista, posto que “os turistas non son culpables de nada, os únicos culpables son as inexistentas políticas de turismo en Compostela que, despois de 40 anos de gobernos de esquerdas, nos levan a estas resultados”.
O líder popular afirmou que é mentira que a cidade estea colapsada e destacou que non hai ningún estudo que o certifique. Verea recoñeceu que si hai días puntuais, en sitios concretos e horas específicas pero criticou que iso leve a xerar un discurso de odio cara ao turismo.
Para o presidente do PP recibir visitantes, peregrinos, é “a esencia existencial de Compostela, somos o principal centro de peregrinacións de Europa Occidental desde hai 1.000 anos; o espírito acolledor e o Apostolo Santiago son o latexo profundo e sentir da nosa cidade”. Por iso, advertiu, “os que queren transformar a nosa cidade nunha cidade dormitorio, nunha capital de provincia máis, que non conten con nós; imos defender os símbolos e valores de Santiago para que continúe sendo unha cidade única no mundo”.