O vicevoceira do PP de Santiago, María Baleato, asegurou hoxe en rolda de prensa que o Goberno da Sra. Sanmartín “é un Goberno mentiroso, polo que debe dicirlle a verdade aos veciños de Santiago, sobre o que ten pensado facer coas case 1.000 Vivendas de Uso Turístico (VUT) ilegalizadas polo PSOE e Compostela Aberta”.
María Baleato subliñou que o líder popular, Borja Verea, xa denunciou, a semana pasada, que “estamos ante a crónica dun engano”, posto que o BNG non quixo facer público o contido da proposición presentada polo seu partido no Rexistro do Parlamento de Galicia, “unha iniciativa que só tiña como obxectivo seguir mentindo co seu dobre discurso, xa que, de cara á cidadanía, establece unha guerra total contras os visitantes; e de cara aos propietarios das VUTs, ofrece promesas para a súa legalización”.
A popular remarcou que a realidade é que, “nese documento oficial presentado ante a Cámara galega, o que queda reflectido é que a posición política do BNG é legalizar os case 1.000 pisos turísticos que quedaron fóra de actividade coa normativa do PSOE e CA”.
Baleato subliñou que a postura do partido da Sra. Sanmarín, e que en ningún momento se trasladou á cidadanía, só ás VUTs, era a de abrir unha “xanela” para que os titulares das VUTs afectadas, en funcionamento con carácter previo ao mes de marzo do 2021 e inscritas no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas de Galicia, puideran presentar a comunicación previa de inicio de actividade e que lles fora aplicado o planeamento municipal vixente no momento da súa alta no REAT.
“Para o PP, esa xanela da que falaban é unha legalización, polo que é evidente que o Goberno do BNG está enganando a todos os santiagueses, presentando unha dobre cara”. E é que, engadiu, “por un lado manteñen un discurso turismofóbico, cunha guerra total contra os visitantes e poñendo na diana aos peregrinos e turistas e, pola contra, moito máis discreta e en voz moi baixiña pero, de cara aos propietarios das VUTs, buscan legalizar as vivendas que a modificación normativa do PSOE e de CA deixou ilegalizadas”, remarcou.
Lembrou tamén que a alcaldesa, en declaracións do 30 de agosto, acusaba ao voceiro do PP de mentir e de tentar manipular aos afectados no asunto das VUTS, pero esa versión desmontouse con documentos; neste senso, matizou, “demostrouse que a que mentía era ela, e unha alcaldesa que minte non é digna de seguir sendo alcaldesa”
“Queda claro que o PP non pretende enlamar o terreo entre os diferentes colectivos, senón que o que busca esclarecer o terreo entre os diferentes colectivos, o que vai servir para deixar retratado ao actual Goberno municipal, ao que instamos novamente a que diga a verdade a toda a cidadanía sobre o que vai facer coas case 1.000 vivendas ilegalizadas”, explicou.
Para Baleato, a posición do Partido Popular é clara e coñecida, tanto nas declaracións públicas como nas reunións privadas; e está no seu programa de goberno. Para o PP, as VUTs non son o problema da vivenda en Santiago, son unha oportunidade e unha fonte de riqueza para a rehabilitación do Casco Histórico.
“Nós non compartimos o regulamento de prohibición das VUTs que as permite só en baixos e primeiras prantas, polo que propoñemos unha regulación por zonas e barrios saturados, aproveitando todas as vantaxes que supoñen”, destacou.