O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Ramón de la Fuente, denunciou esta mañá o mal estado do céspede do campo de fútbol das Cancelas, que foi renovado hai menos de 3 anos.

Para De la Fuente, é inconcebible que dous anos despois o céspede empece a prantexar problemas de movemento, o que fai que as liñas de demarcación de xogo do campo de fútbol presenten un trazado curvilíneo apreciable a simple vista. Defectos que urxen a reparación inmendiata desta instalación. Por elo, o concelleiro denunciou que “tendo detectado o problema desde hai varias semanas, non se entende que o concello aínda non teña feito nada para solucionalo cando os adestramentos dos clubs de Santiago comezaron xa esta semana”, e engadiu “estamos ante outro exemplo máis de que este goberno do BNG ten outras prioridades na súa xestión, como organizar eventos exprés para os seus afíns, pero do día a día pouco se sabe”.

O edil popular destacou que as obras executadas no 2020 están aínda e garantía polo que, insistiu, “o concello ten que reclamar sen demora á empresa contratista a reparación inmediata e integral do céspede, e incluso, de ser necesario, a súa completa substitución; ademais de esixirlle que asuma os prexuíxos que inevitablemente ocasionará ao Concello e aos clubs afectados”, subliñou.

Nese senso De la Fuente amosou a súa preocupación porque “o Concello non tome conciencia da necesidade de poñerse a traballar xa no estudio, análise e diagnóstico das graves deficiencias que en xeral arrastra o parque de infraestruturas deportivas da cidade, e se implique decididamente na busca activa de solucións definitivas”. Porque de todos é sabido, engadiu, que “o parque de instalacións e infraestruturas deportivas de Santiago ten moitas deficiencias e se sabe absolutamente insuficiente para atender as necesidades dos clubs e equipos da cidade desde hai moito tempo, como se temos denunciado en múltiples ocasións”.

Así lamentou que o Concello se contente coa colaboración xenerosa doutras administracións e institucións da cidade para suplir as eivas que hai no ámbito deportivo, e destacou que “o que ten que facer é asumir as súas responsabilidades porque os clubs deportivos e a cidade non merecen o actual desinterese e falta de rumbo claro”.

Obras en 2020

Logo da licitación das obras en 2020 foi instalado un novo céspede artificial no campo de fútbol das Cancelas, cun custo de 421.958,77 €, segundo o contrato adxudicado a Prace Obras y Servicios, S.A. en outubro dese mesmo ano.
O campo das Cancelas esta dotado dun campo de fútbol 11 e dous campos transversais de fútbol 7, ambos homologados polas respectivas Federacións Deportivas atendendo a normas Nide, no que realizan os seus adestramentos e xogan os seus partidos numerosos clubs da cidade, algún en categoría rexional.
Xa no seu momento, no procedemento de licitación, o informe técnico de avaliación de ofertas puxera de manifesto que a empresa propoñía na súa oferta técnica cortiza como recheo técnico de terminación, que non se podería admitir dado que debía ser de area silícea e termoplástico, cuestións que debeu definir no seu momento o propio órgano de contratación.