O concelleiro popular, Borja Rubio, denunciou hoxe, en rolda de prensa, o trato discriminatorio que establece o Goberno da Sra. Sanmartín coas aportacións establecidas, desde o Concello, a algúns dos comedores escolares dos colexios públicos de Santiago que coordina o Goberno municipal, polo que lle esixe que se poña a xestionar e deixe de enredar noutros asuntos menos importantes para as familias santiaguesas.
Ante esta situación, o Partido Popular insta ao BNG “a actuar de xeito inmediato, destinando a cantidade prevista para asumir o sobrecusto do novo servizo municipal de comedores escolares ao conxunto dos centros de ensino público que ofertan o servizo de comedor, co fin de evitar un trato discriminatorio das persoas usuarias en función de que entidade xestione este importante servizo”.
Hai uns días, o Concello anunciou que asumirá, un ano máis, o sobrecusto do servizo de comedor escolar para o ano académico, pero lonxe de arranxar os erros dos anteriores gobernos de esquerdas, agora nos atopamos con distintas varas de medir á hora de repartir as achegas entre os usuarios xa que, neste momento, a aportación só beneficia ás persoas que acoden a 9 dos comedores de centros de ensino públicos, deixando de lado ás familias no resto dos centros educativos públicos de infantil e primaria.
“Isto demostra que o Goberno de esquerdas ten tempo e cartos para ‘inventar novos actos e tomar decisións doutra índole, pero queda claro que a conciliación e as familias non eran temas prioritarios, como lle quixeron facer crer á veciñanza durante toda a campaña das anteriores municipais”, explicou.
Rubio remarcou que “é importante subliñar que quedan fóra desta achega as familias dos colexios públicos Pío XII, López Ferreiro e Lamas de Abade, que ofertan máis de 750 prazas para o servizo de comedor sen recibir ningunha axuda municipal directa, o que significa que as familias que estudan nestes centros están excluídas da axuda, o que crea unha situación inxusta e discriminatoria”.
Na súa comparecencia, o popular explica que “a asunción deste sobrecusto, que ascende ao redor de 400.000 euros por parte do Concello, non ten en conta as necesidades económicas reais das familias para outorgar esta axuda”.
Cabe sinalar que o prezo por día dunha praza nestes 9 comedores é de 4,5 € aproximadamente para as persoas usuarias, mentres que o custo real é, aproximadamente, dous euros máis elevado. Esta discrepancia nos custos e a exclusión de certos centros educativos públicos do beneficio da achega xeran unha clara inxustiza no acceso a este servizo básico.
Borja Rubio lembra que, en setembro do pasado ano, os membros do Goberno do BNG e CA deixaron claro que esta discriminación e forma de actuar non era a correcta e que a administración municipal tiña que, de continuar con esta medida, facelo para a totalidade dos comedores de centros públicos, pero a realidade é moi distinta, posto que, un ano máis tarde e con competencias directas, este Goberno non muda a forma de actuar e procede exactamente igual.
Finalmente, o popular instou ao goberno do BNG a que xestione esta achega para que todas as familias de Compostela, independentemente do centro público no que estuden, poidan gozar dos mesmos dereitos, evitando así a situación discriminatoria que se está a crear destinando a aportación só aos centros onde o Concello asume o servizo, en detrimento dos que son xestionados polas propias ANPAS.