O concelleiro do PP de Santiago, Adrián Villa, criticou esta mañá a falta de previsión e sentido común do goberno nacionalista á hora de executar as obras na cidade en referencia aos traballos que se iniciarán mañá en Pastoriza e a próxima actuación no segundo tramo de Castrón Douro, entre outras.
O popular indicou que é unha mostra máis da “incapacidade” do goberno que actúa de forma “chapuceira” e non realiza unha previsión nin reflexión de como e cando executar as obras. Neste senso, Villa criticou que “agora entren as présas”, antes de final de ano, en referencia á posible perda dos fondos europeos EDUSI.
En canto ás obras de Pastoriza, o concelleiro manifestou a preocupación polo previsible “caos circulatorio” que traerá consigo durante os vindeiros 3 meses. Sendo unha das principais vías de entrada e saída ao casco histórico e aos colexios, para Villa “non é coherente realizar un corte desta magnitude de tempo ao inicio do curso escolar e laboral”. A maiores, mostrou a súa sorpresa polo desvío de 14 liñas de transporte urbano pola avenida de Coimbra, “os autobuses que na actualidade transitan por esta rúa obstaculizan o tráfico, xa que coas dimensións que teñen, non poden xirar en ningunha das 2 curvas e, nin tan sequera, nos dous cruces, xa que se ven na obriga de invadir os carrís contrarios de circulación”, salientou o edil popular.
Por último, o concelleiro popular tamén quixo lembrar que o 21 de agosto fixo unha aposta en canto ao rebacheo provisional do segundo tramo de Castrón Douro. Daquelas o propio Villa ironizaba preguntando se o goberno municipal estaba esperando ao inicio do curso escolar e laboral para cortar esta rúa e, posto que a día de hoxe non se comezou a actuación, o edil mostrou a súa preocupación porque coincidan, ao longo das vindeiras semanas, cortes de tráfico en vías principais da cidade.