O líder do PP de Santiago, Borja Verea, aféalle a Sra. Sanmartín que pretenda “disfrazar de acto institucional” a visita da líder dun partido político ao Concello de Santiago.

O popular subliñou que o BNG “inventa eventos para menosprezar os nosos símbolos, como foi ese acto cívico que contraprogramou a Ofrenda do Apóstolo e hoxe coñecemos que van a utilizar o Concello de Santiago de escenario para que veña aquí Ana Pontón, aínda non se sabe exactamente a que”.

“É evidente que non saben onde están, confunden os termos e teñen a desfachatez de falar de visita institucional a visita da dirixente dun partido político ao noso Concello, cando, pola contra, para eles non é institucional, por exemplo, a Ofrenda do Apóstolo”, remarcou.

Así mesmo, reclamoulle á Sra. Sanmartín e ao BNG “que deixen de rirse da xente e que se poñan a traballar porque, nestes primeiros 100 días, o único que fixeron foi converter o Concello de Santiago nunha axencia de colocación do BNG”.

Verea destacou que “teñen máis asesores e con mellores soldos que o Goberno de Sánchez Bugallo, sendo, o Goberno bipartito, o máis pequeno e con menor apoio de toda a historia de Santiago”.