O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Ramón de la Fuente, vén de denunciar a problemática de delincuencia que sofren os veciños da contorna de Xoan XXIII.
Para o edil, non é de recibo que levemos meses cunha situación grave de venda de droga, con todo o que elo conleva: pelexas, roubos, defecacións na rúa, comportamentos incívicos; cun trasego de xente que ten atemorizada á veciñanza.
E é que estes problemas de delincuencia e tráfico de drogas detectados non só aquí senón tamén noutros puntos da cidade como Fontiñas ou Conxo, “non se poden ventilar, como fai a alcaldesa, con dicir que a policía está investigando e que se incrementará a presenza policial, porque a estas alturas esa resposta xa non é suficiente para calmar a desesperación dos veciños, que levan meses sufrindo este problema coa pasiva actitude do Concello por resposta”, destacou De la Fuente. Neste senso as cifras falan por si soas, engadiu, “as estatísticas do Ministerio de Interior son ven elocuentes, non admiten discusión, é indubidable que a delincuencia se está incrementando en Santiago, e non se están poñendo enriba da mesa medidas, nin vemos disposición que permita albergar esperanza de que este estado cambie a curto prazo”.
O concelleiro popular lamentou que a Sra. Sanmartín sexa consciente de que en Santiago temos un grave problema de falta de efectivos, de todos os Corpos e Forzas de Seguridade, como xa teñen denunciado Partido Popular e sindicatos policiais, pero non poña remedio. Porque por moito que o goberno do BNG prometa que se vai a incrementar a presenza policial nunha zona concreta da cidade, sabe perfectamente que coa actual plantilla de Policía Local e Policía Nacional iso non é posible, porque está baixo mínimos.
Así De la Fuente ten claro que o único que vai acontecer coa solución que plantexa a Sra. Sanmartín é que, para calmar os ánimos nun lugar agora tensionado, se distribuirán tarefas para incidir especialmente neses lugares, pero ao ter unha endémica carencia de efectivos, inevitablemente terán que saír doutras tarefas ou destinos, polo tanto, “desvestirase un santo para vestir outro”, darase a falsa sensación de que o problema está resolto, pero en pouco tempo voltaremos a ver episodios como os vividos a pasada semana.
Neste senso o Partido Popular de Santiago denunciou que “só hai unha maneira de afrontar os graves problemas de seguridade que se están a manifestar na cidade, e non é outra que incrementar as plantillas da policía, cuxas ratios por habitante están moi por debaixo dos mínimos técnicamente recomendables”. Porque os graves problemas de delincuencia e comportamentos incívicos vinculados a problemas de droga e ocupación de vivendas esixen determinación, firmeza e contundencia, e poñer a disposición dos Corpos e Forzas de Seguridade o número de efectivos e medios necesarios, “con simplemente voas intencións os problemas seguirán aí presentes”, lamentou o edil popular.