A concelleira do Partido Popular de Santiago, Yolanda Otero, pediu hoxe explicacións ao goberno do BNG polo retraso na licencia solicitada pola Xunta de Galicia hai máis dun ano para a implatación en Compostela dun centro de coidados intermedios.
Para a edil popular resulta “inconcebible” que desde o Concello de Santiago se poña en risco a execución desta unidade que suporía a posta en marcha do primeiro centro de carácter público de España para coidados intermedios.
Así, Otero Balsa lamentou que desde xuño de 2023, cando accedeu ao Concello o goberno do BNG, a comunicación por parte da administración local se convertese en nula co perigo que iso supón polo axustado dos prazos para sacar este proxecto adiante. Neste senso a edil popular puxo de relevo a nefasta xestión do goberno do BNG, que se está a preocupar máis da propaganda política que supón traer a súa líder autonómica ao concello non se sabe ben en calidade de qué, ou crear un acto para contraprogramar a Ofrenda, en vez de traballar para a nosa cidade.
Ademais criticou que “moito contratar a un exército de asesores para axudalos a gobernar, posto que o número de concelleiros parece que no é suficiente para xestionar o concello, pero á hora da verdade os asuntos non están saíndo adiante, e sería triste que perdésemos a oportunidade de ter un centro referente a nivel nacional en coidados intermedios pola incapacidade do goberno do BNG”.