O concelleiro do PP de Santiago, Adrián Villa, denunciou esta mañá o estado dos parques infantís do ensanche, concretamente, o da Praza de Galicia. No momento en que o parque infantil da Alameda está pechado para realizar unha remodelación integral, o edil manifestou que, “de novo, estamos ante unha falta de planificación e sen sentido no que ao momento de acometer as obras se refire”. Deste xeito, Villa quixo trasladar a queixa de numerosos pais e nais que, co comezo do curso escolar, observan como o parque da Alameda está pechado e os parques de Praza de Galicia, Praza Roxa e Praza de Vigo, os máis empregados da cidade, están nun estado lamentable.
“Novamente estamos ante unha falta de planificación”. Así se referiu ao feito de que, ao igual que moitas actuacións que se están a levar na cidade nestes momentos, a obra do parque da Alameda se estea a levar a cabo xusto no inicio do curso escolar. Neste mesmo senso, e en referencia aos parques do Ensanche, Adrián Villa criticou que non se tivera realizado un mantemento nos meses de verán para que agora, no inicio do curso e ateigados de cativos e cativas, se atopen en malas condicións e, o que todavía é peor, inseguros ao faltar losetas de caucho no chan.
Por último pediu un mantemento exhaustivo para este tipo de instalacións e destacou que se se realizan novos parques non sexa só para asistir a inauguracións e que, meses despois, queden no olvido e se atopen en condicións lamentables”.