O Concelleiro do Partido Popular, Borja Rubio, insta ao goberno do BNG a establecer unha liña de axudas destinada a facilitar a compra de libros de textos e materiais curricuares obrigatorios para todos os estudantes en etapas de ensinanza obrigatoria, complementado así as axudas proporcionadas xa pola Xunta de Galicia, tal e como fan xa noutros concellos da comunidade.
Nun esforzo por respaldar ás familias compostelás e promover a igualdade de oportunidades na educación, o concelleiro popular propón a creación dun programa de axudas específico. Unhas axudas, indicou, que estarían destinadas a aliviar a carga financeira que supón a adquisición de libros de texto e materiais curriculares para as familias do estudantado santiagués. Así, esta medida contribuiría significativamente a asegurar que todas as nenas e nenos teñan acceso aos recursos educativos necesarios para o seu desenvolvemento académico.
En palabras de Rubio, “a educación é un piar fundamental no crecemento e o futuro dos nosos mozos, por iso cremos firmemente que ningunha familia debería sentirse desfavorecida ou limitada na súa capacidade para proporcionar aos seus fillos os materiais necesarios para ter éxito na escola”.
Esta enmenda, que se levará a pleno mañá, busca “facer de Santiago de Compostela un lugar de referencia onde a educación de calidade sexa accesible para todos, reafirmando ademáis o compromiso do Partido Popular de Santiago coa educación e o benestar dos habitantes da nosa cidade”, destacou o edil popular.