Tras analizar as cifras que supoñen o anuncio que fixo onte a alcaldesa para a remodelación do Concello, o líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, denunciou que o actual Goberno do BNG lle costará aos santiagueses 9 millóns de euros, o que nos coloca “ante un escenario escandaloso e que supón un insulto a todos os cidadáns”. Verea aclarou que, ante esta situación, “a única resposta que a min se me ocorre é que Sanmartín non é consciente, non lle explicaron ou non sabe o que asinou onte”.

En asesores, este Goberno incrementa o número nun 75 %, pasa de 8 a 14, cun custe 754.000 euros; e en altos cargos, aumenta o seu número en 120%, pasa de 5 a 11, cun custe de 925.000 €, ao que hai que engadir as dedicacións exclusivas, que significan unha cantidade que supera o medio millón de euros.

“A Sra. Sanmartín está montando un sultanato de máis de 30 amigos, asesores e altos cargos”, incidiu, e que suporá un custe de 9 millóns de euros que terán que pagar todos os santiagueses ao longo deste mandato. Explicou tamén que cada un dos seus altos cargos, que asinou onte, ten un salario medio de 75.000 euros, un salario superior, por exemplo, ao dun conselleiro da Xunta de Galicia e ela propón ter 11 altos cargos a súa disposición.

Así, desde o Partido Popular de Santiago, pedímoslle que “revoque, con carácter inmediato, este decreto da vergoña, estou convencido de que non era consciente do que estaba asinando”.

O popular lembrou que xa dixemos que “estábamos ante un Goberno minoritario que era soberbio, sectario e incapaz e, cada semana que pasa, insisten en demostrar en que non nos equivocamos”.

“Santiago ten un problema evidente de xestión que esixe vontade política, capacidade e pericia, precisamente, o que non ten este Goberno rancio e sen ideas, que o único que se lle ocorre propoñer é xusto o que non hai que facer, inflar de alto cargos e asesores a estrutura, co que o único que se vai conseguir é ralentizar, aínda máis, a Administración local, polo tanto estamos ante un erro de xestión, un erro político e un erro de soberbia”, subliñou.

Para Borja Verea, a mellora de xestión e de eficiencia se consegue redirixindo os equipos, fixando prioridades, innovando a normativa e, sobre todo, contaxiando ao funcionariado cos obxectivos comúns de cidade, é dicir, todo o contrario do que supón esta decisión.

Para o líder popular está claro que “os propios concelleiros chegaron á conclusión de que non teñen nin idea do que hai que facer e, polo tanto, deciden arranxalo contratando asesores, amigos e altos cargos”.

Durante a rolda de prensa destacou que hai outra cuestión que xa todo o mundo da por feita, “despois de humillar ao socialismo compostelán, vai camiño de humillar a toda a cidade, impoñendo, vía cuestión de confianza, un orzamento con só 8 concelleiros de 25; e advertiu que “sería a primeira vez na historia de Santiago que un Goberno que, nin tan se queira ten maioría simple, quere impoñer o seu orzamento vía cuestión de confianza, xa que nas outras ocasións, cando así se fixo, o partido que gobernaba, polo menos, tiña gañado as eleccións”.

Por último, asegurou que “cando gobernemos anularemos a contratación de todos estes altos cargos e destinaremos estes fondos ás políticas que para nós son prioritarias, como demostramos nos últimos plenos e no noso programa de goberno, “investiremos en política de vivenda, poñendo en marcha o bono alugueiro social para xente que necesita unha vivenda; en políticas sociais, para axudar na compra de libros de texto e poñer en marcha cociñas escolares; e nun programa específico para combater a soidade dos nosos maiores”.