A concelleira do Partido Popular de Santiago, Rosario Ferreiro, denunciou hoxe o desleixo e a falta de preocupación do Goberno do BNG ante a perda de fondos do programa EDUSI. Para a popular, o actual equipo de Goberno, ademais de saír hai un mes plantexando dúbidas sobre se se cumprirían os prazos, non parece ter contemplada solución algunha, para que estes cartos non acaben no lixo.
Para Ferreiro, resulta sorprendente que, o día que o concelleiro Manuel César avisou deste problema, o Goberno da Sra. Sanmartín non presentase unha arranxo a esta problemática, sobre todo, coñecendo o grave da situación. “Deberían lembrar que, a pesar de ter 8 concelleiros de 25, son goberno, así que o lóxico é que deixen de actuar xa como oposición e empecen a xestionar o Concello”, subliñou.
É incomprensible que o Goberno non saiba que vai facer se as obras non están certificadas e pagadas o vindeiro 31 de decembro deste ano, desde o PP agardamos que o BNG estea traballando xa “nun plan B e que isto non se quede en meros avisos”, o que suporía “unha forma pouco frutífera de gobernar”, agregou, e que nos trae á memoria a pésima última etapa de obras do ineficaz Goberno socialista.
Rosario Ferreiro salientou que “este Goberno nacionalista ten que poñerse as pilas, centrarse no día a día e nas necesidades dos veciños. Debe preocuparse menos por rodearse de máis e máis asesores, ademais de pasar o tempo creando máis cargos directivos, con salarios superiores aos dun conselleiro da Xunta de Galicia”.
Hai que lembrar que o anterior goberno tiña 8 asesores fronte aos 14 que ten á súa disposición o BNG e tiña 4 altos cargos que se converteran en 11 cos nacionalistas, con salarios, como diciamos, de máis de 6.000 euros ao mes.
A popular advertiulle que ,“igual para pagar o buraco que vai deixar a máis que posible perda dos fondos EDUSI, van necesitar os salarios dos seus asesores e altos cargos”.
Cabe lembrar que, segundo a Sra. Sanmartín, o seu equipo tiña previsto, a principio de ano, executar máis de 2 millóns de euros que quedaban por investir do dito programa e que estaban destinados ao fomento da mobilidade urbana menos contaminante; á recuperación do patrimonio cultural; á mellora da accesibilidade; do ambiente urbano e á inclusión social.