O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, manifestou hoxe que pon a disposición do Concello de Santiago e da Xunta e Galicia a súa solución integral para o aparcamento do CHUS. Dita proposta, incluída no seu programa electoral e de Goberno, suporá a construción dun aparcadoiro orgánico dentro do recinto do Hospital Clínico Universitario, “unha solución integral con dous obxectivos: arranxar o problema de aparcamento, creando 2.000 prazas repartidas en catro plantas; e xerar un espazo humano, de calidade e terapéutico, con máis de 20.000 m2 de zonas verdes”.

Como explica Verea, esta solución consiste, nun parking dentro do propio recinto do CHUS, cun modelo completamente diferente a outras propostas, que queren empregar parcelas alonxadas e con grandes pendentes, lonxe da entrada do hospital e incómodas para os doentes e os seus acompañantes.

O popular insiste en que “isto se fará aproveitando a pendente para crear este gran espazo peonil, onde toda a superficie que quede entre a entrada principal do clínico, o hospital Gil Casares e o futuro centro de Protonterapia serán zonas verdes e peonís, é dicir, estamos ante un novo concepto de hospital.” Esta humanización contarán con bancos, mesas para comer, zonas de paseo, zonas de sombra e áreas de xogos infantís. 

Así mesmo, o aparcamento, de 46.000 metros cadrados e que permitirá eliminar todo o estacionamento da superficie do recinto hospitalario, aproveitará a pendente que existe a carón do que será a nova ampliación do CHUS. Ademais esta transformación do espazo exterior do recinto hospitalario levará consigo a creación dun vestíbulo de 3.000 metros cadrados que conectará os dous hospitais cun paso cuberto.