O concelleiro do Partido Popular, José Ramón de la Fuente, denunciou que, aínda que polo de agora pouca chuvia caeu en Santiago, xa aparecen as primeiras inundacións pola falta de planificación do goberno do BNG.

Así, segundo o edil popular, “a súa preguiza e o absoluto desinterese provocaron varias inundacións na cidade que puideron evitarse facilmente se o Concello tivera feito o seu traballo, dado que era coñecedor da existencia dos problemas polas denuncias dos propios veciños”, posto que residentes no Rial de Conxo, presentaron un escrito o pasado 3 de xullo cunha extensa e documentada relación de deficiencias graves no barrio, entre as que facían notar a gravidade das inundacións que periodicamente se producen nos seus domicilios, e pedían unha actuación urxente para prever uns asolagamentos que sabían que se ían producir e que efectivamente, finalmente sufriron.

Para De la Fuente é inaceptable que cada vez que chove con certa intensidade, as vivendas se inunden por mor da auga que chega directamente da rede de saneamento, que non parece ter capacidade suficiente para atender o caudal de auga que necesita evacuar, agravado pola evidente presenza de lodos, area ou gravilla na rede, que dificultan esa evacuación, ao producir atascos na mesma que provocan remontadas de augas residuais en garaxes e sotos das vivendas.

Pero o problema vai a máis, denunciou o edil , xa que, cando se producen as inundacións, a auga supostamente potable que reciben nos seus domicilios chega enlodada cunha cor que desaconsella o seu uso doméstico, circunstancia que se estende por varios días.

José Ramón de la Fuente lamentou que, a pesar dos clamor dos veciños, o Concello non fixese absolutamente nada para evitar que estes problemas se sigan producindo, “tivo todo un verán para interesarse por este asunto e cando menos limpar a rede de saneamento; coñecedores do problema, estas inundacións non as provocaron as chuvias, se non o nulo interese do Concello en evitalas”.

Por outra banda, destacou que a alcaldesa e os concelleiros, ocupados unicamente por implantar en Santiago a súa sectaria axenda ideolóxica, non parecen estar preocupados pola xestión do día a día da cidade nin dos problemas da xente, “se o tempo que empregou o concelleiro de Servizos Básicos e Vías e Obras en trasladarse a Barcelona a apoiar aos seus colegas independentistas cataláns, o dedicara a interesarse polos problemas dos seus veciños, e lles buscara solución, non terían sufrido unha nova inundación nos seus fogares”.

De la Fuente esixiu ademais ao goberno do BNG que se sacuda a preguiza que parece acompañar desde que arrancou a lexislatura ao exercicio das súsa responsabilidades, e se poñan a traballar nos problemas do barrio, dos que teñen coñecemento polos propios veciños, e busquen xa solucións para evitar que as próximas chuvias volvan producir inundacións nos fogares dun veciños, fartos de soportar a desidia e desinterese do Concello.