A vicevoceira do Partido Popular de Santiago, María Baleato, solicitou hoxe o cese da voceira do goberno do BNG, Miriam Louzao, polas referencias ao líder do PP de Santiago. Neste senso a edil pediu ademais unha desculpa por parte do BNG.

Baleato calificou de “intolerables” os termos nos que se referiu a voceira nacionalista a Borja Verea, acusándoo de “facer declaracións nunha escalada de violencia” ou falando dunha posible “intervención da ONU”.

Para a edil popular este tipo de afirmación o que demostra é que este goberno non encaixa ben a crítica, xa que “Borja Verea denunciou expresamente unha falla de dilixencia, unha ineptitude que roza a neglixencia por non ter o sistema de sumidoiros limpo e preparado para as primeiras borrascas”, declaracións feitas na súa lexítima condición de principal partido da oposición e tras advertir continuamente nas últimas semanas que iamos ter un problema coa primeira borrasca por esta falla de limpeza que “estaba a vista de todo o mundo”

Que unha representante pública, continuou María Baleato, fale de “escalada de violencia” ou de “intervención da ONU” por unha “denuncia política lexítima de Borja Verea” demostra que “esta concelleira non ten categoría nin nivel para representar á cidade de Santiago”, xa que ademais de ser unhas declaracións inaceptables en calquera momento, aínda máis o son hoxe.

A vicevoceira salientou que o feito de que Verea acudise á tarde noite de onte a visitar vivendas, comercios e instalacións municipais para interesarse polos danos causados polas inundacións é o normal dentro do labor dun representante municipal, o que igual ten difícil explicación é por que non fixo o mesmo a alcaldesa Sanmartín, pola que por certo preguntaban onte os veciños.

Verea, acompañado do edil Adrián Villa, puido comprobar de primeira man o enfado e incomprensión da veciñanza ante un feito que “era de prever”. Os populares xa denunciaran o pasado mes de setembro a abundante folla caída que estaba a obstruír os sumidoiros públicos e mesmo estaban a provocar escorregamentos nas beirarrúas de numerosos barrios da cidade. Neste senso, a edil tamén lembrou que moitos dos sumidoiros non só tiñan varias capas de folla, senón que tiñan terra e mesmo céspede.

Nesta liña, os populares reiteraron a absoluta falta de previsión do goberno nacionalista que, ante as diferentes advertencias, a última feita polo PP de Santiago 48 horas antes dos asolagamentos denunciando o estado dos sumidoiros de Rial de Conxo, seguiron como se nada, aínda a sabendas que a alerta amarela decretada podía supoñer acumulación de auga de entre 15 e 30 litros por metro cadrado nunha hora. María Baleato incidiu así en que, “ante a cantidade de auga caída onte, 27 litros por metro cadrado nunha hora, tivo lugar un colapso sen precedentes” e manifestou que “este colapso tivo lugar, en gran medida, pola falta de limpeza previa dos sumidoiros e folla”.

“A propia veciñanza puido comprobar que o problema estaba na falta de limpeza dos sumidoiros, senón, como é posible que levantando as tapas o nivel de auga comezase a baixar?”, preguntou a vicevoceira .

Por todo isto, María Baleato denominou como “indigna” a falta de respecto ao líder popular e preguntoulle á propia voceira, Miriam Louzao, onde se atopaba a alcaldesa Goretti Sanmartín, posto que, fóra da visita realizada ao muro de Belvís que non causou ningún dano, non tivo presenza en ningún outro punto da cidade onde si había danos materiais importantes.