O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Ramón de la Fuente, denunciou a modificación do orzamento municipal incoando un expediente de transferencia de crédito para sacar 98.000 € reservados para o mantemento de campos de fútbol na cidade para dedicalos a unha indeterminada necesidade de promoción e outros gastos diversos.

O edil destacou que “Santiago ten unha coñecida carencia de instalacións deportivas, como xa denunciamos en varias ocasións, e unha moi evidente necesidade de mantemento das existentes, como ten recoñecido a propia concelleira de deportes, polo que non se entende moi ben que os sempre escasos e insuficientes orzamentos que se dedican ao deporte sexan minguados agora para atender outras necesidades que nada teñen que ver con el”.

Así preguntouse se “están cubertas todas as necesidades de mantemento de instalacións e infraestruturas deportivas na cidade como para poder mover eses cartos da partida de deportes cara a outra área”.

Neste senso, De la Fuente salientou que “non deixa de ser revelador que se saquen cartos para mantemento de campos de fútbol coñecendo o estado non que se atopa o estadio Vero Boquete de San Lázaro, que todos sabemos con deficiencias graves desde hai anos sen que se teña abordado en serio un plan de actuación que empeza a ser urxente e inaprazable”. Existen deficiencias graves nesta instalación por falta de mantemento: corrosión e desprendementos de material, goteiras, humidades, fisuras en vigas e pilares son realidades palpables a simple vista, por non falar do alarmante deterioro da contorna, que se atopa nun estado lamentable (accesos rodados, accesos peonís con deficiencias graves con problemas de accesibilidade, e aparcamentos están nun estado inaceptable impropio dunha cidade como Santiago).

O edil popular lamentou “a falta dun proxecto claro e ambicioso por parte do BNG para o deporte na cidade, ou a nula planificación e a inexistente coordinación cos afectados das escasas actuacións que se pretenden executar”. E por se fora pouco, sinalou, “agreden agora ao tecido deportivo da cidade sacándolle uns recursos económicos xa de por si escasos”.

Así, para José Ramón de la Fuente “non só non é de recibo reducir os orzamentos para o deporte, senón que o que deberían de facer desde o goberno do BNG é aumentalos”. Pero con este tipo de acción, engadiu, “quedan claras as prioridades dos nacionalistas, e entre elas non esta o deporte base; na súa filosofia de xestión da cidade hai cartos para incrementar significativamente o número de asesores ou para multiplicar o número de altos cargos, ou para gastar no Alba de Compostela, pero non hai cartos para o deporte; segundo o BNG, o deporte pode esperar”.