O Partido Popular de Santiago manifestou hoxe que é totalmente lamentable que os axentes da Garda Civil e os usuarios das instalacións desta institución na capital de Galicia teñan que convivir con obras durante 30 meses, tempo estimado para construír un novo cuartel. A planificación destas obras está a significar que traballadores e usuarios teñan que soportar a caída de refugallos, ruído e a falta dos máis mínimos elementos de seguridade e servizos como o do aparcamento ou accesibilidade.

O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, sinalou que, despois de moitos anos pedindo que nos Orzamentos do Estado se contemple a execución dunhas instalación da Garda Civil de Santiago dignas, por fin son unha realidade, pero a mala planificación do Goberno de Pedro Sánchez está a empañar esta actuación,

Así mesmo as deputadas nacionais, Marta González e Ana Vázquez, que veñen de presentar unha pregunta no Congreso sobre esta cuestión ao Goberno de Pedro Sánchez, destacan que os perigos de levar a cabo unha actividade profesional como a que os axentes da Garda Civil fan, sumado a convivir cunhas instalacións inadecuadas e en mal estado, que se atopan en obras, son obvios, non só para os axentes, senón tamén para os cidadáns que acoden a interpoñer denuncias, solicitar documentos ou a facer uso de calquera dos servizos que se prestan nestas instalación.

Remarcan tamén que nin axentes nin usuarios teñen sitio para aparcar, así mesmo soportan ruídos que impiden a comunicación, e polvo que chega a todas partes, ademais do risco de accidentes aos que se expoñen, como a caída de cascotes.

O máis sangrante é que o Ministerio do Interior pretende que esta situación se manteña durante tres anos, algo totalmente intolerable, polo que as deputadas populares queren saber que medidas vai tomar Interior co fin de arranxar estes problemas de habitabilidade e funcionalidade mentres duren as obras, tendo en conta o risco que existe para os axentes e os usuarios desta infraestrutura.

Así mesmo, queren coñecer se o Ministerio do Interior ten previsto alugar outras oficinas mentres se constrúe a nova casa cuartel, para dotar de dignidade a tarefa de servicio aos cidadáns que fai a Garda Civil na capital de Galicia.

Antecedentes
Na actualidade, o cuartel da Garda Civil en Santiago atópase en obras, unhas actuacións que contan cun orzamento de 14 millóns de euros e suporán a total remodelación do complexo das Cancelas, pero non estará listo ata finais del 2025, sempre que se cumpra o prazo de execución, que é de 30 meses.

As instalacións existentes eran indignas, posto que eran vellas, insuficientes e inadecuadas, xa que se empregaban espazos destinados a vivendas particulares como oficinas para atención á cidadanía, polo que o novo proxecto suporá a demolición completa dos edificios antigos.