O Partido Popular de Santiago, a través da súa concelleira Yolanda Otero, denunciou a falta de resposta inmediata do goberno municipal para activar un dispositivo de emerxencia para persoas sen fogar con motivo da borrasca atlántica Ciarán.

Segundo Otero, “quedou de manifesto a nefasta xestión do sinfogarismo por parte do goberno municipal, o desleixo polas necesidades básicas da cidadanía, neste caso, especialmente das persoas máis vulnerables, as persoas sen fogar”. Ante a chegada dunha borrasca atlántica, non fai falla unha demanda explícita de axuda por parte das persoas en situación de sinfogarismo. “Era obriga do goberno municipal activar un dispositivo urxente e de intervención inmediata para dar cobertura ás necesidades básicas das persoas sen fogar que pernoctan nas vías públicas da cidade reducindo os danos que provoca a carencia dun fogar ante unhas condicións metereolóxicas tan adversas”, sinalou. Aínda que, engadiu, “xa non nos sorprende nada deste goberno despois de que afirmasen hai días que a cidade estaba preparada para as choivas despois das nosas advertencias, o que pasou despois xa todos o sabemos, unha cidade asolagada”. Ao tempo, Otero Balsa advertiu que esta fin de semana chega outra borrasca profunda (Borrasca Domingos), “van a continuar sen activar ningún tipo de dispositivo para os máis vulnerables? Cremos que é hora de que se poñan a traballar, e o primeiro que deberían facer é preocuparse das persoas máis vulnerables ante as condicións meteorolóxicas tan adversas que estamos a sufrir”.
O centro das políticas públicas son as persoas. Un dos piares básicos das políticas públicas debe ser ofrecer os apoios necesarios ás persoas en xeral e especialmente ás persoas en situación de vulnerabilidade, neste caso as persoas en situación de sinfogarismo.

A edil popular denunciou a falta dunha política municipal de protección social enfocada a conter situacións de vulnerabilidade. “Quedou de manifesto a nefasta xestión do goberno municipal para conter situacións de vulnerabilidade, con especial fincapé nas necesidades básicas de grupos de poboación que requiren unha atención específica para evitar ou superar circunstancias adversas, como pode ser a carencia dun fogar estable. A nefasta actuación do goberno municipal evidencia unha falta de atención ás necesidades das persoas”.

“O programa municipal de apoio á inclusión de persoas sen fogar incluído no Programa local de inclusión social de colectivos en risco de exclusión é totalmente insuficiente. Dende o Partido Popular demandamos ao goberno municipal o reforzo do sistema de axudas ás persoas sen fogar co deseño e implementación dun Plan específico de inclusión das persoas sen fogar, cuxos obxectivos principais, entre outros, sexan o de previr as situacións de sinforgarismo, reducir o número de persoas que non encontran outra alternativa que vivir na rúa e fomentar a autonomía e as capacidades das persoas sen fogar como ferramenta para a súa reinserción e inclusión na sociedade. Un plan específico deseñado en coordinación coas entidades especializadas do Terceiro sector”.

As persoas sen fogar precisan dunha atención específica, de accións especialmente dirixidas a elas, unha atención máis personalizada e un seguimento dos casos para evitar así a cronificación.