O Partido Popular de Santiago, a través do concelleiro Borja Rubio, vén de denunciar a oferta de conciliación para a tempada de Nadal presentada polo goberno nacionalista estes días. Para o edil popular, aínda que se esperaban novidades e melloras no programa, a principal nova é “o aumento significativo no custo que as familias terán que asumir en comparación co programa do verán anterior”. Estas novas políticas de conciliación que ten pensado implantar o BNG o único que demostran é que as familias non son o primeiro para este goberno”, lamentou.
O concelleiro Borja Rubio, do partido popular, expresou a súa preocupación: “Non entendemos como é posible que un goberno que chegaba coa promesa de revolucionar a oferta de programas de conciliación estea a incrementar restrictivamente os prezos que as familias compostelás terán que pagar. Estes prezos son tres veces máis altos que en edicións anteriores dos mesmos programas. Pasamos da gratuidade no anterior concilia de nadal a uns prezos onde unha familia con dúas cativas ou cativos pagará case 200€”.
A pesar das críticas feitas con anterioridade por quen hoxe goberna en minoría o Concello de Santiago de Compostela, “o programa de conciliación de Nadal mantén as mesmas localizacións que en anos anteriores, sen cambios notables que non responden ás expectativas creadas”, lamentou Rubio. Outro exemplo máis, engadiu, “de que todo o dito antes das eleccións, e incluso plasmado no programS electoral do BNG, queda en papel mollado unha vez que chegaron ao poder”.
Para Borja Rubio “este programa non está a altura do noso concello e non se cumple, unha vez máis, co anunciado en anteriores ocasións por membros do actual goberno ao triplicar os prezos para as familias, non ampliar instalacións, non permitir a inscrición por día solto, nin recuperar as prazas ofertadas anteriormente”.